A Xunta anuncia unha nova zona vulnerable por nitratos en 4 municipios do Salnés

A área deseñada abarcaría parte dos concellos de Cambados, Vilanova de Arousa, Meis e Ribadumia, afectando a fincas de viñedo

Publicidade
Reunión de Balseiros cos alcaldes de Cambados, Meis e Ribadumia

Reunión de Balseiros cos alcaldes de Cambados, Meis e Ribadumia

A Xunta de Galicia anuncia a próxima declaración dunha nova zona vulnerable a contaminación por nitratos na comarca do Salnés, en concreto en terreos agrarios adicados a principalmente a viñedo, próximos á desembocadura do Umia.

Os concellos afectados parcialmente por esta declaración serían Cambados, Vilanova de Arousa, Meis e Ribadumia. Así llo trasladou este mércores o director xeral de Gandería, José Balseiros, durante unha reunión en Pontevedra á que asistiron os alcaldes de Cambados, Meis e Ribadumia.

A declaración desta nova zona vulnerable a nitratos súmase ás anunciadas tamén en xuntanzas similares na comarca da Limia e en 5 áreas da provincia da Coruña.

Cooperación público-privada

A finalidade destes encontros de traballo, que se manterán até mediados de marzo, é en parte fomentar a cooperación público-privada para a creación dunha rede de plantas de biogás en Galicia diante do que a Consellería do Medio Rural considera “unha oportunidade de reforzar a sustentabilidade ecolóxica, social, económica e ambiental da gandaría, aproveitando esta normativa para reforzar o sector”.

Así, segundo explica a Xunta, nestas reunións avalíase a concentración de nitratos nas augas, nos parámetros que establecen a normativa europea e nacional, en particular, o Real Decreto 47/2022, de 18 de xaneiro, sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias, que marca unha serie de compromisos para mellorar a situación ecolóxica dos acuíferos.

“Aquí as posibles limitacións non afectarían tanto porque non somos unha zona especialmente gandeira”

Samuel Lago, alcalde de Cambados, asistiu á reunión coa Xunta, na que tamén participaron os seus homólogos de Ribadumia e Meis. “Chamounos a atención que a nosa zona fora vulnerable a nitratos porque non é unha zona gandeira”, razoa.

“O primeiro que lles preguntamos é de onde vén esa contaminación porque O Salnés non é unha zona gandeira, como pode ser na provincia de Pontevedra o Deza, por exemplo. En Cambados o que máis temos é viño e da aplicación de fitosanitarios penso que non debería derivarse contaminación por nitratos. Temos tamén algo de horta e gandería, a pouca que hai, é avícola”, describe.

O primeiro que lle preguntamos á Xunta é de onde ven esa contaminación: de prácticas agrarias, de núcleos de poboación ou de orixe industrial

“Deberíase determinar con máis certeza a orixe desa contaminación. Hai que saber ben de onde vén, se de prácticas agrícolas de fertilización ou tratamentos fitosanitarios en viñedo, dos residuos procedentes dos núcleos de poboación ou se ten unha orixe industrial”, indica.

Medidas correctoras

Segundo explicaron os representantes da Consellería aos tres rexedores presentes na reunión, a declaración oficial de zonas vulnerables vai ter lugar nos vindeiros meses “e iso vai implicar a continuación algunha recomendación nas prácticas agrarias, que se van establecer despois”, indicaron.

Parécenos estraño que só co abonado do viñedo se contaminen os acuíferos e as augas superficiais

Entre as medidas correctoras estarían a redución na fertilización e o uso de fitosanitarios. “Parécenos estraño que só co abonado do viñedo se contaminen os acuíferos e as augas superficiais. Se a orixe é esa haberá que facer un uso razoable, por exemplo, abonar previa analítica, para saber se é necesario aportar nitróxeno ou non”, propón Samuel.

Menor rexeitamento

Recoñece que na súa zona as posibles limitacións ao abonado non xera tanto rexeitamento coma na provincia da Coruña precisamente porque o Salnés non é zona gandeira. “Aquí non somos unha zona produtora de nitratos; somos zona receptora. Por iso, é unha situación moi distinta á dos concellos de produción leiteira onde se anunciou tamén que se van declarar estas zonas vulnerables”, compara.

Esta non é zona produtora de nitratos; é zona receptora

“As 4 ou 5 granxas avícolas existentes en Cambados na maioría dos casos ceden ese esterco aos viticultores da zona que o levan para abonar con el as súas plantacións de viñedo”, explica.

Descoñecemento dos puntos de mostreo

O alcalde de Cambados avoga por “camiñar cara a prácticas agrícolas e de todo tipo máis sustentables”. “Se nas analíticas do Ministerio saíu iso, sen alarmar, algunha medida haberá que tomar porque é unha cuestión de saúde pública”, argumenta.

O punto de control de augas subterráneas que se tomou para o mostreo está precisamente no concello de Cambados e nas medicións realizadas polo Ministerio de Transición Ecolóxica rebasáronse os límites fixados pola normativa comunitaria, aínda que os representantes da Consellería non deron máis datos ao respecto. “Non sabían cales foron os puntos de mostreo concretos e os niveis de contaminación que contiñan, para poder saber se é unha contaminación xeralizada ou se deu nun momento puntual”, subliña Samuel.

En paralelo, Balseiros aproveitou para trasladarlles aos alcaldes as bondades das plantas de biogás que prevé construír a Xunta xunto con empresas enerxéticas privadas (“sistemas de valorización dos puríns sen custo para o gandeiro” as definiu) e tamén que para minimizar o posible impacto nas explotacións derivada da declaración de zonas vulnerables a Xunta vai poñer en marcha un selo de calidade de produto sustentable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información