A Consellería do Medio Rural publicará a comezos de 2026 unha nova convocatoria das axudas á conservación paisaxística e á loita contra a erosión dos viñedos da Ribeira Sacra, que contará cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros, financiado integramente con fondos propios da Administración autonómica. Así o recolle o informe elevado hoxe ante o Consello da Xunta e que recoñece a contribución do cultivo da vide á singularidade paisaxística desta zona.
Neste sentido, estas achegas están destinadas a pór en valor o labor que desenvolven as persoas viticultoras inscritas na Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra e que colaboran, co seu cultivo, á conservación desta contorna de cara a evitar o abandono e a desaparición dos socalcos. Ao tempo, esta zona goza dun atractivo turístico en crecemento, ao cal contribúe a candidatura a patrimonio da humanidade pola UNESCO.
Poderán beneficiarse destas achegas os viticultores no ámbito da DO Ribeira Sacra que estean inscritos nos rexistros do Consello Regulador. A contía individualizada será, como máximo, de 2.000 euros por hectárea para o sistema de cultivo tipo 1, aquel que se realiza en zonas con socalcos de pedra de xeito non mecanizado; e de 1.000 euros por hectárea para o sistema de cultivo tipo 2, que se leva a cabo de forma mecanizada.
Para realizar o cálculo do importe, terase en conta a superficie de viñedo inscrita e, en todo caso, non se concederán achegas superiores aos 50.000 euros por persoa beneficiaria.
Beneficiarios do ano 2025
Estas achegas convocáronse por primeira vez no ano 2025 e beneficiaron un total de 794 expedientes, cun orzamento de algo máis de 1,3 millóns de euros. As axudas representaron unha superficie de arredor de 810 hectáreas, das cales 519 tiñan un sistema de cultivo tipo 1 e as 291 hectáreas restante correspondíanse cun sistema de cultivo tipo 2.
Galego









Control OJD