O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, anuncia a convocatoria dunha liña de axudas para impulsar o uso da madeira no eido da construción. As axudas estarán dirixidas a empresas e titulares privados. Subvencionarase a redacción dos proxectos de execución de obra nova, rehabilitación ou reforma así como do custo dos produtos de madeira ou derivados da madeira con finalidade estrutural, envolvente e acabados, e sempre que superen unha determinada porcentaxe. As axudas serán poderán cubrir ata o 70% do gasto.
O obxectivo desta convocatoria, matizou o director, é incentivar o uso na construción da madeira, un material renovable, de proximidade, de baixa pegada en carbono e que está a chamado a xogar un papel fundamental na loita contra o cambio climático. Asemade, Jacobo Aboal puxo en valor o tecido empresarial vinculado ó sector forestal e da madeira en Galicia.
Neste senso, Aboal sinalou que se está a traballar intensamente para incorporar a madeira de xeito decidido nas promocións públicas que realice a Xunta de Galicia, entendendo que “xerará un efecto de tracción na promoción privada”.
O anuncio desta nova liña de axudas realizouse durante unha xuntanza de Aboal co presidente da Fundación RIA-Rede de Innovación Arousa, David Chipperfield; co seu coordinador xeral, Manuel Rodríguez López, e co director do estudo David Chipperfield Architects en Santiago de Compostela, Rodrigo Antón Carrasquer.
Durante o encontro tamén se explorou a posibilidade de colaborar conxuntamente en temas de interese, tanto relativos á xestión forestal para a produción de madeira de calidade, como na aplicación da madeira para as novas construcións ou proxectos de rehabilitación. Así mesmo, tamén valoraron a posibilidade de introducir este material renovable e reutilizable nos novos proxectos ligados ó rural, como as aldeas modelo, así como na rehabilitación e ordenación de usos da finca de Lourizán (sita en Pontevedra) trala transmisión da súa titularidade á Xunta de Galicia realizada o mes pasado pola Deputación de Pontevedra.