A Xunta anuncia unha gran planta de biogás para tratar os xurros gandeiros

A Xunta anuncia unha gran planta de biogás para tratar os xurros gandeiros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia que o Goberno galego vai apoiar a creación dunha planta de transformación de xurro e outros residuos gandeiros en biometano e fertilizantes orgánicos, na que participan Reganosa, Repsol e Naturgy coa sociedade semipública Impulsa Galicia.

O titular do Executivo autonómico informou deste novo proxecto de economía circular na súa intervención do Pleno do Parlamento galego, onde garantiu o “apoio total” da Xunta a esta planta que, segundo concretou, “contará cun investimento de 146 millóns de euros e creará 600 postos de traballo, entre directos e indirectos”.

Ademais, prevese que poderá xerar cada ano máis de 300 gigavatios hora de enerxía limpa e “axudar así a solucionar os problemas de residuos que teñen os nosos gandeiros”, puxo en valor o presidente. En todo caso, dende o sector gandeiro vense advertindo nos últimos anos que máis que un problema de xestión do xurro o que hai é falta de base territorial para as explotacións gandeiras, de ordenación de usos do solo e de concentración da actividade gandeira nunhas poucas comarcas. Como mostra, nos últimos anos o abandono e a forestación ilegal de terras agrarias levaron a que Galicia só conte cun 25% de superficie agraria útil, cando na media europea esta porcentaxe supera o 60%.

Ante este novo proxecto, Rueda considerou imprescindible o apoio do Goberno central, a través dos fondos europeos, xa que amosou a súa preocupación polos 24.600 millóns de euros que aínda se teñen se executar dos PERTE e que supoñen o 80% do total. Por iso, pediu o respaldo dos grupos parlamentarios da oposición para que o Executivo de España “mire os ollos e lle dea apoio” a este proxecto con obxecto de que saia adiante e se poidan crear estes postos de traballo.

Máis detalles do proxecto

O proxecto consiste en despregar progresivamente polo territorio unha rede de plantas que valoricen os excedentes de xurros bovinos, porcinos e avícolas mesturados cunha cantidade menor de FORS (fracción orgánica de recollida separada) e RIO (residuos industriais orgánicos) do sector agroalimentario para a produción de enerxía renovable. Así queda recollido no memorando de entendemento que recentemente subscribiron Reganosa, Repsol e Naturgy con Impulsa, a sociedade mixta promovida pola Xunta de Galicia co obxectivo de acompañar iniciativas empresariais que incidan na dinamización, o progreso e a transformación da economía galega a través dun modelo verde e dixital.

Nunha fase inicial, as tres enerxéticas planean construír unha primeira planta de dixestión anaerobia que produza gas renovable e cinco plantas de pretratamento asociadas a esta para deshidratar o excedente de xurro bovino. A planta de xeración de gas renovable emprazaríase en Meirama (Cerceda), zona de transición xusta, mentres que as cinco plantas de pretratamento se repartirían, nunha primeira fase, por concellos da mesma provincia coruñesa e de Lugo, de acordo coa distribución fundamentada no mapa galego de explotacións gandeiras, optimizando así a loxística entre ambos tipos de instalacións.

Cun investimento aproximado de 146 millóns de euros, nesta primeira fase trataríanse anualmente 1.240.000 toneladas de xurros excedentes e produciríanse, amais de fertilizantes orgánicos e CO2 neutro, uns 300 xigawatts hora (GWh) de biometano que se inxectarían á rede de gas natural. Este gas renovable utilizaríase para descarbonizar distintos sectores, como o do transporte, o residencial e o industrial, podéndose empregar nos procesos da refinería de Repsol na Coruña.

Ampliación a toda Galicia

Completada esta fase inicial, a intención dos promotores é ampliar o proxecto de economía circular no futuro a toda Galicia, implantando unha rede centralizada de tratamento dos excedentes de dexeccións gandeiras. Neste sistema garantirase a dispoñibilidade para os gandeiros do xurro necesario para abonar as súas terras de xeito sostible, así como a viabilidade económica das súas explotacións. Os cálculos dos promotores determinan que se poderían valorizar arredor de 6 millóns de toneladas de residuos cada ano. Redondeando, o biometano producido (1 TWh anual) equivalería a un 7 % do gas natural de importación que agora se demanda en Galicia, co que a comunidade avanzaría substancialmente na súa autonomía enerxética e no consumo de renovables. O proxecto foi presentado a catro ministerios do Goberno central (Economía, Transición Ecolóxica, Agricultura e Industria) co obxectivo de encaixalo nos fondos Next Generation, tanto pola súa compoñente de circularidade como polo feito de que proporciona unha fonte de enerxía verde e autóctona a partir dos excedentes das dexeccións gandeiras.

Deste xeito, no proxecto global evitaríase tamén a emisión á atmosfera dunhas 500.000 toneladas anuais de CO2  e crearíase emprego de calidade no marco da transición ecolóxica e nos lugares pouco poboados. En suma, algo máis de 600 postos de traballo directos e 1.900 indirectos, considerando tanto a explotación das plantas como a loxística de transporte.

Una idea sobre “A Xunta anuncia unha gran planta de biogás para tratar os xurros gandeiros

  1. Andres

    Esto seria o desproposito mais grande da xunta , non e viable baixo ningun caso .
    Nin e necesaria semellante inversion nin por asomo fan falta tantas persos para o seu manexo , no mellor dos casos poñendo un numero alto de persoas directas serian 60 ose sobra un cero nese dato.
    Tan pouco e funcional unha macropñanta por que por loxistica no e viable
    Pouco nos pasa

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información