A Xunta anuncia un plan de acción contra a banda marrón do piñeiro

No periodo 2022 – 2024 extenderá os tratamentos fitosanitarios e as accións silvícolas nos montes de xestión pública. Convocará unha orde de axudas de prevención orientada a propietarios particulares e montes veciñais para executar rareos, podas e desbroces

A Xunta anuncia un plan de acción contra a banda marrón do piñeiro

Piñeiral afectado pola banda marrón. / Arquivo.

A banda marrón do piñeiro, unha enfermidade fúnxica que preocupa nas masas de piñeiro radiata da provincia de Lugo, contará cun plan de acción específico no periodo 2022-2024. Así o anunciou hoxe no Parlamento o deputado popular Rubén Lorenzo, en resposta a unha proposición do PSdeG para poñer en marcha actuacións públicas de control e prevención da banda marrón e vermella do piñeiro.

No periodo 2022 – 2024, a Xunta ten previsto adicar 935.000 euros a un plan que incluirá actuacións en montes de xestión pública (montes conveniados ou públicos), así como unha orde de axudas para que os propietarios poidan executar rareos, podas e rozas nos seus piñeirais. O obxectivo das accións silvícolas é o de aumentar a aireación das masas, reducindo así o posible impacto de enfermidades fúnxicas.

Tras detectarse a banda marrón na zona oriental de Lugo, onde se consolidou este ano a enfermidade, a Xunta xa estivo acomentendo actuacións nos montes de xestión pública, nos que ensaiou distintos tratamentos fitosanitarios, principalmente con óxido cuproso, con abonos foliares e con sustancias naturais combinadas con timol. Os ensaios realizáronse tanto cun atomizador terrestre, instalado nun todoterreo, como cun dron.

No caso do óxido cuproso, a Xunta tiña unha autorización excepcional do Ministerio para tratamentos terrestres no periodo abril – xullo do 2021, en tanto os tratamentos con abonos foliares poden ser tamén aplicados con dron.

Os resultados dos tratamentos, segundo avanzou hoxe o grupo popular no Parlamento, son prometedores. “Houbo un aumento de acículas verdes e cos abonos foliares incrementouse a densidade foliar. En definitiva, gañouse en fortaleza e resistencia dos piñeirais tratados”, expuxo Rubén Lorenzo.

Medio Rural mostreou esta primavera máis de 500 hectáreas de piñeiro radiata da provincia de Lugo para comprobar o alcance da enfermidade. En concreto, estudáronse masas de A Pastoriza, Castro de Rei, Castroverde, A Fonsagrada, Baralla e Becerreá. Tamén se detectaron danos en masas de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), pero máis escasos, pois é unha especie menos susceptible á enfermidade.

Valoracións da oposición
Desde o grupo socialista planteouse a necesidade de maiores actuacións para controlar a enfermidade. “No oriente de Lugo estase vendo que as zonas altas, por riba dos 600 metros, son as máis afectadas. Probablemente sexan altitudes pouco aptas para o piñeiro radiata, polo que habería que propoñerlle ós propietarios alternativas para a repobación con coníferas máis axeitadas”, valorou a deputada Carmen Rodríguez, que avogou tamén por asesorar ós propietarios en medidas como o aumento das distancias no marco de plantación.

“En comunidades como o País Vasco, estamos vendo que se está investigando en piñeiros radiata resistentes á enfermidade das bandas e que se asesora ós propietarios sobre as especies alternativas máis adaptadas a cada zona. Aquí semella que non interesa. Non hai asesoramento e as actuacións son insuficientes”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información