A Xunta modificará toda a tramitación para solicitar as autorizacións de cortas de madeira e de aproveitamentos madeireiros para reducir os tempos de espera dunha autorización dos arredor de seis meses actuais a dous meses como máximo.
Estes cambios están incorporados na Lei de fomento de implantación empresarial, unha norma que dende o Goberno da Xunta calculan que podería estar lista para a súa aprobación en outubro, antes da entrada en vigor dos orzamentos de Galicia para o vindeiro ano. Deste xeito, entre finais de 2017 e comezos de 2018 a axilización e simplificación dos permisos de corta podería ser unha realidade.
En concreto, coa nova normativa modifícanse dous aspectos da lei de montes. Dunha banda, nos espazos que non estean suxeitos a unha protección especial, apóstase polo concepto de declaración responsable, que vén substituír o que ata o de agora era unha autorización ou unha comunicación previa e que tardaba entre sete e quince días, segundo o caso. Agora, con este documento no que o propietario do terreo afirma a súa posesión e, como tal, asume a súa responsabilidade, será un trámite practicamente instantáneo a través da súa presentación telemática.
Doutra banda, dende a Consellería do Medio Rural informan de que naquelas zonas que si estean suxeitas a unha especial protección ben pola lexislación de augas, estradas, costas ou polo patrimonio cultural ou natural, a partir de agora os particulares ou empresas forestais só terán que contactar co departamento de Medio Rural como único interlocutor para solicitar estes permisos. Será a propia consellería a que solicite os perceptivos informes á administración responsable en cada caso e autorice a continuación a actuación.
15 días de prazo máximo canto o terreo non teña protección e 2 meses cando conte con ela
Así, traballarase cunha “xanela única”, unha simplificación burocrática que fará menos complicada a actividade do sector forestal ao tempo que supón un aforro para os particulares e compañías cando queiran realizar aproveitamentos forestais madeireiros ou leñosos. Isto é así porque a tramitación redúcese a unha autorización única e, polo tanto, a unha soa taxa fronte a todas as que ata o de agora tiñan que aboar os solicitantes.
Calcúlase que neste último caso, autorizacións que na actualidade poden tardar ata seis meses, segundo a administración implicada, reduciranse a dous meses como máximo: un para a recepción do informe correspondente e outro para ditar a autorización final.
Dende a Consellería do Medio Rural matizan que “ningunha destas modificacións supoñen unha diminución da preservación dos valores culturais, naturais e paisaxísticos de Galicia, xa que se conta co informe do órgano competencial”. “Moi ao contrario, lógrase a optimización de recursos humanos e a simplificación e normalización dos procedementos de autorizacións de aproveitamentos forestais”, subliñan.
O forestal é un sector moi importante para a economía galega xa que anualmente realízanse en Galicia arredor de 75.000 aproveitamentos madeireiros cun movemento duns 8 millóns de metros cúbicos de madeira.