A Xunta anuncia que publicará en breve a convocatoria da campaña da PAC 2025 cun orzamento duns 224 millóns

ganderia Cuinha SC (Lugo) paisaxe rural PAC parcelariaA Xunta de Galicia publicará en breve a convocatoria da campaña da política agraria común para o ano 2025. Así o recolle o informe da Consellería do Medio Rural, do cal tomou razón o Consello do Goberno autonómico. Estímase que a convocatoria conte cun orzamento de arredor de 224 millóns de euros para beneficiar uns 23.000 agricultores e gandeiros galegos. Está previsto que se publique no Diario Oficial de Galicia proximamente.

Neste sentido, a PAC recolle as axudas directas que inclúen, entre outras, as axudas básicas á renda para a sustentabilidade. Estas achegas contribúen a apoiar unha renda agrícola viable e a resiliencia do sector agrícola, co fin de mellorar a seguridade alimentaria a longo prazo e a diversidade agrícola, así como garantir a sustentabilidade económica destas producións. Recóllense tamén os ecorréximes –prácticas voluntarias que levan a cabo os agricultores para impulsar o rendemento ambiental e climático relativo á PAC–, xunto coas achegas asociadas á produción.

Cómpre salientar que as axudas directas non teñen carácter extraorzamentario e o seu importe dependerá das solicitudes presentadas en función dos límites establecidos a nivel nacional, unha vez coñecidas todas as solicitudes aprobadas. Na última campaña aboáronse preto de 180 millóns de euros, polo que se prevé que a cifra para 2025 sexa semellante.

En relación coas axudas ao desenvolvemento rural, contarán cun orzamento de máis de 43 millóns de euros. O investimento distribuirase entre as axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC (PEPAC); os pagamentos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas procedentes da medida 13 do Programa de desenvolvemento rural, e as axudas para zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas incluídas no PEPAC.

Por último, cóntase tamén cunha liña de achegas forestais dotadas con 750.804 euros ,destinada aos compromisos de mantementos de forestación para contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos posteriores á plantación.

Campañas anteriores

En relación coa campaña de 2024, dende o goberno da Xunta destacan que “Galicia xa efectuou pagamentos por un valor de máis de 159 millóns de euros, incluíndo as axudas directas e as achegas para zonas con limitacións naturais, aínda que cómpre lembrar que este exercicio aínda non está finalizado”. A última campaña rematada é a de 2023, que contou cun orzamento total de máis de 215 millóns de euros.

Cabe sinalar que as axudas da PAC son esenciais para o mantemento da actividade agrícola e gandeira, a rendibilidade económica das explotacións e o mantemento de poboación no medio rural. O obxectivo final destas achegas é manter o sector agrícola europeo, de xeito que se compensan ás persoas que traballan no agro polos servizos ambientais que proporcionan, a calidade das súas producións e as exixencias lexislativas de máximo nivel impostas pola Unión Europea a prol da sustentabilidade

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información