A Xunta anuncia que Galicia contará en 2022 cunha nova Lei de Calidade Alimentaria

A Xunta anuncia que Galicia contará en 2022 cunha nova Lei de Calidade Alimentaria

O Consello da Xunta avaliou hoxe o informe da Consellería do Medio Rural sobre o sometemento á consulta pública previa da elaboración do anteproxecto da Lei de calidade alimentaria de Galicia, que se prevé ter aprobada no vindeiro ano 2022 para actualizar o marco normativo da comunidade referido ao impulso da calidade dos produtos alimentarios galegos.

Deste xeito, o obxectivo desta consulta pública é recoller achegas que enriquezan o texto lexislativo que virá actualizar a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, para dar resposta aos cambios experimentados na produción e comercialización alimentaria, á incorporación das novas tecnoloxías e de diferentes formas de comercialización, así como ao incremento dos intercambios entre estados.

Obxectivos da lei

Á espera do resultado desta consulta pública, a nova Lei de calidade alimentaria de Galicia persegue distintos obxectivos, principalmente manter un elevado estándar de calidade na produción alimentaria galega. Así, por unha banda, búscase reforzar o control para loitar contra as prácticas desleais tanto na produción como na comercialización e, por outra, revisar o catálogo de infraccións e do procedemento sancionador, adecuándoo á realidade actual e tendo en conta, entre outras cuestións, o cada vez maior volume de vendas que se realizan a través da internet.

A nova regulación debe servir tamén para impulsar a calidade diferenciada dos produtos alimentarios galegos, mellorando, integrando e desenvolvendo a súa regulación e reforzando a posta en valor dos produtos de calidade a través do apoio ás denominacións de orixe protexidas (DOP), ás indicacións xeográficas protexidas (IXP) e a outras figuras de protección, como pode ser o selo da artesanía alimentaria. A finalidade é que os produtos galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía. Así mesmo, resulta necesaria a adaptación ao novo marco definido pola estratexia «Da granxa á mesa», que se configura como elemento esencial do Pacto Verde Europeo e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, e que promove a orientación do sistema alimentario cara á sustentabilidade, a innovación e a transición xusta entre a cidadanía e os operadores alimentarios.

Ademais, a nova normativa debe incluír melloras no sistema de xestión das DOP e IXP, para a profesionalización do funcionamento dos consellos reguladores, especialmente no que se refire á súa actividade de control e certificación. Así, mentres os consellos reguladores de maior dimensión económica poden levar a cabo esas tarefas, as DOP e IXP de menor dimensión económica -e, polo tanto, con pouca capacidade para autofinanciarse e contar con persoal propio- vense obrigados a utilizar os servizos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para realizar eses labores recorrendo, a maiores, a axudas públicas para cubrir ese gasto. Nesa liña, é necesario que a normativa recolla que a xestión desas DOP/IXP a vai realizar a Xunta de Galicia directamente (a través da Agacal no caso dos produtos de orixe agraria, e da Consellería do Mar no caso dos produtos de procedencia mariña).

Maior control sobre as entidades de certificación

Así mesmo, a nova lei debe perseguir un maior control sobre as entidades privadas de certificación alimentaria, que están supoñendo confiar a garantía de que os produtos cumpren os requisitos establecidos a unha terceira parte independente tanto dos intereses dos operadores do mercado e como dos dos consumidores. Neste contexto, debe regularse a necesidade de que estas entidades de control e certificación, cando exerzan actividades relacionadas coa verificación do cumprimento de esquemas de certificación públicos (como a produción integrada, a etiquetaxe facultativa de carne de aves, as especialidades tradicionais garantidas, etc.), realicen unha declaración responsable ante a autoridade competente, pasando a formar parte dun Rexistro de entidades de certificación, que facilitará a realización da necesaria supervisión da súa actividade pola Administración.

Por último, seguindo os principios de responsabilidade social e ambiental e as recomendacións da Unión Europea e da FAO, a nova regulación debe introducir a compra ou contratación pública verde de produtos alimentarios, isto é, de produtos e servizos alimentarios cun impacto ambiental reducido durante o seu ciclo de vida e que acheguen beneficios ambientais. Deste xeito, débense introducir criterios para que nas compras públicas se favoreza a presenza de produtos frescos, de tempada, ecolóxicos, de proximidade e de calidade diferenciada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información