A Xunta anuncia que en maio acabará de aboar as axudas da PAC 2020

A Consellería do Medio Rural, a través do seu organismo pagador, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), anuncia que transferirá no mes de maio máis de 17 millóns de euros das axudas directas da Política Agraria Común (PAC), o que suporá o pago do 100% das subvencións da convocatoria 2020, a cal ascende a algo máis de 170 millóns de euros para máis de 24.000 agricultores e gandeiros galegos.

Así, os primeiros pagos realizaranse a vindeira semana por un montante de nove millóns de euros. Son os correspondentes ás achegas para vacas nutrices (1,2 millóns de euros), vacún de leite (3,8 millóns de euros), vacún de cebo (3,5 millóns de euros) e para as de ovino e cabrún (preto de 400.000 euros). Estes pagos súmanse aos realizados a pasada semana por valor de 13,7 millóns de euros, en concepto de axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica.

Posteriormente, o Fogga transferirá un total de 8,4 millóns de euros relativos ás axudas de pago básico (5,2 millóns de euros) e de pago verde (2,7 millóns de euros), así como as relativas á agricultores mozos (450.000 euros) e pequenos agricultores (27.000 euros).

Dende o departamenteo que dirixe José González destacan que Galicia “foi das primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC correspondentes á campaña 2020”.

Convocatoria 2021-2022

Por outra parte, a Consellería de Medio Rural lembra que se ampliou ata o 15 de maio o prazo para solicitar as axudas dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, é dicir, as achegas da PAC 2021-2022.

Os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar a solicitude única accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás distintas entidades colaboradoras. Unha vez finalizado o prazo de solicitude, poderanse presentar solicitudes de modificación ata o día 15 de xuño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información