A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta ante a problemática da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) anunciando unha nova liña de axudas complementaria ás indemnizacións, que se veñen pagando, pola morte de animais a causa desta doenza. Neste sentido, advertiu que, tal e como xa manifestou en máis dunha ocasión publicamente, esta liña “vai ser unha realidade e con efectos retroactivos”.
Estas achegas, a maiores das indemnizacións, contemplarán apoios para custos veterinarios, tratamentos e desinsectantes, cofinanciándose e convocándose pola Consellería “unha vez se coñezan de xeito oficial todos os criterios fixados polo Ministerio de Agricultura, que se comprometeu a publicar, en maio, un Real Decreto específico e a achegar fondos ás comunidades autónomas, malia que polo de agora non se transferiron”.
Nesta liña, a titular de Medio Rural lembrou tamén que a Xunta foi pioneira na posta en marcha desa liña de indemnizacións pola morte dos animais, da que xa se beneficiaron case 200 explotacións por un valor superior aos 200.000 euros, compensando así o falecemento de máis de 400 reses. Deste xeito, incidiu, “atendéronse todas as solicitudes que se presentaron” e a liña segue aberta.
Remuda xeracional
En resposta a outra pregunta, a conselleira destacou a boa acollida que está a rexistrar a última convocatoria da liña de axudas para a mellora de explotacións e para fomentar a remuda xeracional no agro. Así, trasladou que para plans de mellora presentáronse máis de 1.300 solicitudes; 400 no caso da liña de apoio á incorporación de mozos e 171 para a novidosa achega para fomentar a entrada de novos activos de entre 41 e 55 anos de idade.
Neste sentido, Gómez lembrou que a convocatoria de 2024 está dotada con 47 millóns de euros, un 21 % máis con respecto á anterior, e cualificou estas subvencións como “recursos útiles” para os profesionais, a través dos que poden modernizar as súas explotacións, especializalas ou ben iniciarse na actividade agrogandeira.