O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe trala reunión do Consello da Xunta que o Goberno Galego destina 36 millóns de euros para seguir afondando na incorporación de mozos ao agro e a mellora das explotacións gandeiras.
O Consello da Xunta avaliou este luns as novas convocatorias de axudas destinadas aos plans de mellora en explotacións gandeiras e á incorporación de mozos, dotadas cun total de 36 millóns de euros -na convocatoria de 2024 foron 47 millóns- , cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (Feader), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e con fondos propios, cos que se quere promover a incorporación de 300 mozos ao agro e apoiar “a mellora das explotacións”.
Rueda detallou que a Xunta publicará, nos vindeiros meses, dúas ordes de axudas destinadas para tal fin no marco do Plan estratéxico da política agraria común. A primeira busca financiar os plans de mellora non aprobados – o ano pasado houbo unhas 1200 solicitudes de plans de mellora pero só se aprobaron uns 370, o que xerou un forte malestar no agro– aos mozos que resultaron beneficiarios da convocatoria 2024 da incorporación de mozos, co obxectivo de facilitar o inicio da súa actividade produtiva.
5,5 millóns de axudas para as persoas mozas ás que no 2024 se lle aprobou a incorporación pero non o plan de mellora
Deste xeito, e cun orzamento de 5,5 millóns de euros, financiaranse investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, sendo os posibles beneficiarios aquelas persoas mozas ás cales se lles aprobou a axuda de incorporación no 2024 pero non o plan de mellora asociado.
Neste contexto, serán elixibles os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global, a competitividade ou a viabilidade das explotacións.
O importe máximo da axuda será do 30 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 65 % en función dos criterios que se recollan na orde. Ademais, a contía máxima sitúase en 250.000 euros por beneficiario.
Convocatoria de continuidade
Por outra banda, e dando continuidade ás axudas de incorporación de mozos, a Consellería do Medio Rural tamén publicará unha orde de axudas para o establecemento de agricultores mozos, cun orzamento de 16 millóns de euros; e para investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, dotadas con 14,5 millóns de euros.
Para o establecemento de agricultores mozos, os posibles beneficiarios serán aqueles cunha idade entre 18 e 40 anos, ambos incluídos, e que non cumpra os 41 no ano natural da convocatoria. O solicitante tamén deberá presentar un plan empresarial, permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda e participar no programa de titorización que presta a Consellería do Medio Rural a persoas agricultoras mozas. O importe da axuda será de 30.000 euros, que poderá incrementarse ata os 70.000 euros segundo os criterios recollidos na correspondente orde.
No caso dos investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, o requisito para obter esta axuda é ser unha persoa moza que solicita simultaneamente a axuda ao establecemento de persoas agricultoras mozas.
Por último, a nota da Xunta non informa se terá continuidade a liña de axudas para a incorporación ao agro de persoas entre 41 e 55 anos, unha liña pioneira posta en marcha en 2024 polo equipo do anterior conselleiro do Medio Rural, José González, e que tivo unha alta demanda con 133 solicitudes aprobadas.