A Xunta anima ás empresas do sector agrogandeiro, agroalimentario e forestal a presentarse aos fondos europeos Next Generation

A Xunta anima ás empresas do sector agrogandeiro, agroalimentario e forestal a presentarse aos fondos europeos Next Generation

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, manterán un encontro dixital con diversas organizacións profesionais agrarias e asociacións do sector primario para avanzar no desenvolvemento da Manifestación de interese de proxectos autonómicos que poidan optar a fondos europeos. FOTO: CONCHI PAZ

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiveron a pasada tarde un encontro dixital con diversas organizacións profesionais agrarias e asociacións do sector primario. O obxectivo foi avanzar no desenvolvemento da Manifestación de interese de proxectos autonómicos que vén de convocar Medio Rural para identificar os interesados en participar nas iniciativas impulsadas pola Consellería ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia deseñado polo Goberno central para facer fronte aos efectos da covid-19.

Ao tempo, cómpre sinalar que os proxectos presentados axudarán a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego nos vindeiros anos. Ademais, a información recollida permitirá visibilizar os proxectos promovidos por pequenas e medianas empresas, posibilitando deseñar fórmulas de financiamento ou outros mecanismos de apoio axeitados, así como os parámetros técnicos que deben rexer, no seu caso, a avaliación ou selección das accións para acceder a ditos mecanismos.

En concreto, na xuntanza participan o Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias UPA, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, a Fundación Arume e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

O conselleiro do Medio Rural puxo de relevo que o obxectivo final deste Plan é a reactivación económica a curto e medio prazo e a transición cara a unha economía sostible e resistente a longo prazo. Nesa liña, e no marco desta iniciativa, a Xunta presentou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e ao de Industria, Comercio e Turismo o “Polo para a transformación de Galicia”, como un proxecto transformador que promoverá o desenvolvemento de catro proxectos tractores e catro proxectos transversais, cos que afrontar os catro grandes retos (Transición Ecolóxica, Transición Xusta, Transición Dixital e Loita contra o despoboamento e o reto demográfico).

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural busca identificar proxectos ou iniciativas que contribúan a definir as liñas de actuación no sector primario e agroalimentario galego. En concreto, perséguense iniciativas para o desenvolvemento do emprendemento no rural galego, dinamizando demográfica e economicamente as zonas rurais de Galicia, así como para a mellora das explotacións agrarias para reforzar a súa sostibilidade ou o impulso á bioeconomía. Tamén se busca promover a transición enerxética como panca de atracción de actividade e poboación a partir da enerxía sostible e accesible, utilizar novos modelos de negocio agroalimentario adaptados á economía verde e á transición ecolóxica e aumentar a produción orientada a produtos baixo selos de calidade diferenciada. A maiores, outra das finalidades é desenvolver proxectos do sector agroalimentario que atendan aos compoñentes principais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

As manifestacións de interese de proxectos autonómicos poderán enviarse ata o 16 de abril ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal, achegando un breve informe ou documentación adicional que proporcione información relevante sobre a iniciativa presentada. A avaliación dos proxectos será levada a cabo pola Consellería do Medio Rural, en colaboración cos organismos e entidades que impulsen os compoñentes aos que se orienten os proxectos presentados.

As manifestacións de interese de proxectos autonómicos poden atoparse no seguinte enlace:
https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/manifestacion-interese-proxectos-autonomicos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información