A Xunta anima aos gandeiros e agricultores galegos a ampliar a súa base territorial para saír máis beneficiados na nova PAC

A Xunta anima aos gandeiros e agricultores galegos a ampliar a súa base territorial para saír máis beneficiados na nova PAC

Terreos recuperados do abandono na aldea modelo de Meixide, non concello ourensán da Veiga

A Xunta anima aos agricultores e gandeiros galegos a apostar polos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para así optar á axuda básica á renda da reserva nacional da Política Agraria Común (PAC) do próximo período 2023-2027.

Dende Medio Rural destacan que “a instancias precisamente do Goberno galego, o borrador do novo real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda prevé que poidan solicitar estes dereitos superficies acollidas a ferramentas como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta”.

Cabe apuntar que estes dereitos de axuda básica á renda da reserva nacional substituirán no novo período da PAC aos actuais dereitos de pagamento básico, permitindo aos beneficiarios percibir a axuda básica á renda para a sustentabilidade e, no seu caso, as axudas complementarias redistributivas e para mozas e mozos. Para poder recibir estas axudas directas, cada dereito deberá xustificarse con 1 hectárea subvencionable, é dicir, con 1 ha de superficie agraria da explotación.

Galicia vén sendo deficitaria en dereitos de pago, tanto no período de pagamento único 2007-2014 como no de pagamento básico de 2015-2022. Isto quere dicir que conta con máis hectáreas de superficie agraria útil aproveitada polas explotacións galegas que con dereitos de pago que permitan percibir axudas directas por esa superficie.

Cambios na nova PAC

Porén, no borrador do novo real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda, grazas ás observación feitas dende a Xunta, está prevista para o novo período da PAC unha ferramenta que contribuiría á diminución do referido déficit. Así, co obxecto de evitar o abandono de terras, poderán solicitar dereitos á reserva nacional os agricultores cuxas explotacións se atopen acollidas a programas de reestruturación relativos a algún tipo de intervención pública regulada por unha norma autonómica de rango de Lei para ese fin, tales como bancos de terras ou instrumentos de mobilización como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as permutas.

“Deste xeito, está previsto que poidan recibir dereitos da reserva nacional as explotacións galegas incluídas nalgunha das figuras da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, así como as que dispoñan de hectáreas subvencionables en réxime de arrendamento mediante o Banco de Terras de Galicia, unha razón máis para que os gandeiros e agricultores aposten por estas iniciativas”, destacan dende Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información