A Consellería do Medio Rural ampliará ata o 13 de maio o prazo para solicitar as axudas da Política Agraria Común, un período que ata agora tiña como data límite o 30 de abril.
Así o confirmaron a Campo Galego fontes do departamento que dirixe José González. Galicia únese así a sete Comunidades Autónomas, entre elas Andalucía, Extremadura, Aragón ou La Rioja, que decidiron prorrogar o prazo de solicitude, algo que se prevé que secunden o resto de autonomías.
Para os gandeiros e agricultores que precisen modificar unha solicitude xa presentada prevese que o período tamén se amplíe até o 31 de maio.
A razón deste aprazamento estaría nos últimos cambios na PAC deste ano, motivados pola guerra de Ucraína e a inestabilidade mundial no mercado de cereais, o que levou á Comisión Europea a autorizar as sementeiras en barbeito, co fin de incrementar a produción propia de alimentos.