A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, acadou a aprobación da proposta presentada a FSC (Forest Stewardship Council®) para incluír no sistema 13 novos montes, que suman unha superficie de 10.210,62 hectáreas.
Con esta nova inclusión, os montes baixo xestión da Xunta que contan cunha certificación FSC suman un total de 88 e unha superficie global de 42.065,01 ha. Estas cifras supoñen máis do 25% do total certificado baixo este sistema en Galicia. O total do Estado sitúase arredor das 550.000 hectáreas.
En todo o Estado hai 550.000 hectáreas con certificado FSC, delas 168.000 en Galicia
Esta certificación forestal é un procedemento voluntario mediante o cal un terceiro certifica a través de auditorías o cumprimento das normas de xestión forestal sostible dando lugar a un certificado que acredita a orixe e respecto medioambiental dos produtos deses montes. Desta forma, esta certificación tamén é un instrumento de mercado que garante de xeito demostrable aos consumidores que ese recurso forestal procede de montes xestionados de forma sustentable o que incrementa o seu valor.
Ademais, cabe lembrar que a Xunta mantén tamén 619 montes certificados polo sistema PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification) que suman 160.000 hectáreas. Coa ampliación aprobada, 88 destes acadarán o máximo nivel posible na certificación da xestión forestal sostible co dobre certificado FSC e PEFC.
Obxectivo: acadar as 650.000 hectáreas certificadas en 2040
No marco do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 Cara á neutralidade carbónica apóstase por incrementar esta certificación nos montes galegos. Así, búscase acadar que unhas 650.000 hectáreas dispoñan da certificación forestal mediante calquera dos sistemas recoñecidos internacionalmente de aquí ao fin dese período.
A Xunta xestiona montes públicos (propios da comunidade autónoma, de libre disposición e de utilidade pública) e privados (veciñais en man común, principalmente) repartidos polo territorio galego. Unha vez que estes montes dispoñen de instrumento de ordenación forestal, a vontade da Administración é a de inscribir, nos procedementos e tarefas habituais en materia de montes, directrices de xestión sustentable emitidas no ámbito forestal e, máis concretamente, de dar cumprimento aos principais estándares en materia de xestión forestal sustentable. Deste xeito, a Xunta afonda no seu compromiso de aplicar os máis altos estándares de calidade na xestión dos montes dos que é propietaria ou xestora.