A Xunta amplía ata o 30 de abril o prazo para que as pemes do sector primario se presenten aos fondos Next Generation

Os interesados poderán enviar as súas propostas ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal

A Xunta amplía ata o 30 de abril o prazo para que as pemes do sector primario se presenten aos fondos Next Generation

O conselleiro do Medio Rural visitando a alde modelo de Osmo, en Ourense

A Xunta amplía ata o vindeiro 30 de abril o prazo para que as pequenas e medianas empresas do sector primario e agroalimentario galego presenten iniciativas que sexan susceptibles de acollerse ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central para optar a fondos europeos e facer fronte aos efectos da covid-19.

Así, os directores xerais da Consellería do Medio Rural mantiveron diversos encontros esta semana cos distintos colectivos do sector primario para dar a coñecer a Convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos e, ante o interese amosado, decidiuse ampliar o prazo de solicitude. Esta iniciativa é de carácter non vinculante e permitirá identificar os interesados en participar nos proxectos tractores e transversais impulsados pola Consellería do Medio Rural ao abeiro dese Plan, ao tempo que axudará a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego.

O obxectivo final deste Plan é a reactivación económica a curto e medio prazo e a transición cara a unha economía sostible e resistente a longo prazo. Nesa liña, e no marco desta iniciativa, a Xunta presentou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e ao de Industria, Comercio e Turismo o “Polo para a transformación de Galicia”, como un proxecto transformador que promoverá o desenvolvemento de catro proxectos tractores e catro proxectos transversais, cos que afrontar os catro grandes retos (Transición Ecolóxica, Transición Xusta, Transición Dixital e Loita contra o despoboamento e o reto demográfico).

Precisamente unha parte destes proxectos tractores e transversais están dirixidos a apoiar o sector primario galego. De xeito específico, o proxecto de biofábrica de fibras téxtiles sostibles impulsado por Amancio Ortega -que ten por obxectivo pechar o ciclo da transformación da madeira de eucalipto en Galicia- que suporía un investimento que rolda os 1.200 millóns de euros.

Tamén se contempla a implementación dos instrumentos recollidos na futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, para promover a bioeconomía e a calidade de vida no rural. En concreto, este proxecto tractor leva asociada a posta en produción de 18.000 hectáreas de terra abandonada no rural galego para usos agrícolas, gandeiros ou forestais, así como a posta en marcha de 200 aldeas modelo. Con este proxecto a Xunta prevé que se mobilicen 601 millóns de euros.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural está a preparar o Plan Estratéxico para a execución dos fondos Feader no período 2023-2027, como base fundamental sobre a que se asenta o deseño dos instrumentos de apoio e impulso por parte da Administración pública aos diferentes proxectos empresariais que se van desenvolver no sector primario e agroalimentario galego.

As manifestacións de interese de proxectos autonómicos poderán enviarse ata o 30 de abril ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal, aportando un breve informe ou documentación adicional que proporcione información relevante sobre a iniciativa presentada. A avaliación dos proxectos será levada a cabo pola Consellería do Medio Rural, en colaboración cos organismos e entidades que impulsen os compoñentes aos que se orienten os proxectos presentados.

As Manifestacións de interese de proxectos autonómicos poden atoparse no seguinte enlace:
https://mediorural.xunta.gal/es/recursos/manifestacion-interese-proxectos-autonomicos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información