A Xunta amplía ata o 15 de maio o prazo para solicitar as axudas da PAC

Neste ano agárdanse case 24.000 solicitudes únicas de axudas da PAC por parte dos agricultores e agricultoras galegas e a dotación das axudas para esta campaña será de preto de 224 millóns de euros, en total

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplía o prazo de solicitude das axudas da PAC ata o vindeiro día 15 de maio. Isto faise consonte ao determinado pola normativa vixente, concretamente polo Real Decreto 1048/2022, que establece a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan ampliar o prazo de presentación da solicitude única da PAC como moi tarde ata a devandita data. Xa que logo, con esta ampliación Medio Rural alongará o período de tramitación de solicitudes ao prazo máximo que a normativa lle permite, co fin de facilitar ás entidades tramitadoras da solicitude única o seu labor.

A orde de axudas da PAC en Galicia publicouse o pasado 5 de marzo no DOG. A partir do día seguinte, as entidades tramitadoras de solicitudes comezaron a rexistrar as case 24.000 solicitudes únicas de axudas da PAC que se esperan este ano dos agricultores e agricultoras galegas. A dotación das axudas para esta campaña será de preto de 224 millóns de euros, en total.

“Como queira que o proceso de tramitación da PAC vólvese cada vez máis complexo, xunto coas complicacións climáticas que causan que os produtores non teñan a certeza de se poderán implantar un cultivo de primavera e máis diversas incidencias na aplicación informática de captura, a gravación destas solicitudes avanza a un ritmo moi lento en toda España”, xustifican dende Medio Rural para ampliar o prazo de presentación.

Polo tanto, modifícase o artigo 16 da devandita Orde do 25 de febreiro de 2025 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, co fin de ampliar o prazo de presentación das solicitudes ata o 15 de maio, e quedando o período de modificación de solicitudes estendido ata o 30 de maio.

Ligazón á orde no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información