A Xunta alleou 44 lotes de madeira por 3,99 millóns de euros nunha poxa pública en Lugo

MADERISTA SOUTO madeira piñeiroA Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicou 44 lotes de madeira por un total de 3.990.623,07 euros nunha poxa pública celebrada esta semana en Lugo. Ademais destes lotes, outros seis quedaron desertos e serán alleados en próximos procedementos.

Case todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. En total, suman 93.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro e, ademais, é toda verde e vendeuse baixo a modalidade de alleamento de risco e ventura.

Os importes acadados na poxa confirman unha vez máis os altos prezos da madeira de coníferas, chegando aos máximos na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Así, enmárcanse nunha dinámica de estabilidade desta materia prima sendo previsible que se manteña no futuro, pois a madeira de coníferas está a ser moi demandada no mercado.

Cómpre destacar que 32 dos lotes teñen a certificación de xestión forestal sostible PEFC e outros tres teñen a dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten a estes lotes deben ter tamén un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. Esta certificación forestal sostible garante tamén que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente e que cumpre outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Plataforma de consulta

Ao igual que en poxas electrónicas anteriores, os licitadores realizaron os trámites de forma telemática, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Tamén puideron seguir todo o proceso a través dunha sala virtual creada para tal fin.

A plataforma, desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET). A maiores, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

Por último, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado para este fin. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse na web da Consellería do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información