A Xunta agarda que o selo Leite de Pastoreo de Galicia estea no mercado no 2022

José Balseiros recoñece retrasos porque a Consellería se topou con “boicots” que, di, están "tentando solucionar"

José Balseiros, con Carmen Lence e Jesús García a semana pasada en Leite Río

José Balseiros, con Carmen Lence e Jesús García a semana pasada en Leite Río

A Consellería do Medio Rural segue adiante coa súa intención de que o leite que producen as ganderías galegas que sacan as súas vacas a pacer conte cunha diferenciación clara no mercado para o consumidor e traballa coa perspectiva de que o novo selo poda verse nos liñais dos supermercados antes de que acabe este ano.

O selo Leite de Pastoreo de Galicia fora anunciado para o segundo semestre do 2021 pero o proceso retrasouse por unha serie de “boicots e texemanexes” segundo valora Balseiros.

Tivemos reclamacións e impugnacións por parte de elementos aos que non lles interesa nin lles convén en absoluto que haxa unha marca regulada de pastoreo (José Balseiros)

“Non contábamos cos problemas que xurdiron polo camiño pero están en vías de solución e agardamos que durante este ano poidamos poñela xa en marcha definitivamente”, indicou a semana pasada en Lugo o director xeral de Gandería, José Balseiros, nun acto na sede de Leite Río.

A marca xa está rexistrada

 “Cando presentamos toda a documentación e os pregos no Rexistro de Marcas e Patentes, tivemos reclamacións do Ministerio a instancias dunha organización interesada e dalgunha industria á que non lle convén en absoluto que haxa unha marca regulada de pastoreo”, explicou.

No sector apúntase que o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica e industrias coma Larsa verían unha ameaza no selo proposto pola Xunta

“Ese recurso fomos capaces de gañalo e a marca xa está rexistrada”, aclarou Balseiros, que explicou que “logo sufrimos outro pequeno boicot, porque queríamos que fose o Ligal o organismo de control pero houbo algún texemanexe e estamos esperando que haxa unha próxima asemblea do Ligal para que aprobe o acordo”, indicou.

A Xunta atópase á espera da aprobación por parte da Asemblea do Ligal do acordo para encargarse do control e supervisión do novo selo

A partir dese momento sería “un mero trámite”, dixo, abrindo un prazo para que as explotacións que xa cumpren coas condición do prego e estean interesadas se sumen ó novo selo, ao igual que as industrias”.

Garantir a trazabilidade ao consumidor

Balseiros insistiu en que desde a Xunta non se quere facer “un selo máis”, senón que pretenden “que vaia máis alá” con novidades como un código QR que permitiría ao consumidor escanear un iogur, un brick de leite ou un queixo que o levase e seguir a trazabilidade dese produto desde a granxa.

“Pretendemos garantir que ese leite é verdadeiramente de pastoreo e vai pasar uns trámites e uns controis extremadamente ríxidos”, anunciou. Entre as medidas para asegurar que o gando é alimentado a base de pasto estaría a obriga da xeolocalización das vacas durante o tempo que pasan no prado mediante colares dixitais.

A súa adquisición é subvencionada xa pola Consellería a través dunha das liñas de axuda financiada cos fondos Next Generation e Balseiros animou aos gandeiros que teñan pensado sumarse á nova marca a aproveitar a oportunidade para facerse con eles, xa que se financia o 60% do seu custo.

Industrias e cadeas de supermercado interesadas

Algunhas industrias, como o Grupo Lence, xa mostraron á Xunta o seu interese en adherirse á nova marca. “En Leite Río estamos moi interesados en que haxa unha marca de leite de pastoreo seria. Todo o noso leite fresco que nós envasamos na planta da Coruña, tanto da marca Leyma como da marca Río xa cumpre coas condicións esixidas e tan pronto como Medio Rural publique o selo e faga público o Organismo de Control entraremos”, adiantou no mesmo acto Jesús García, director de operacións do Grupo Lence.

En Leite Río estamos moi interesados en que haxa unha marca de leite de pastoreo seria e en canto se publique o selo entraremos (Jesús García, Grupo Lence)

Balseiros engadiu que tamén “hai varias cadeas de supermercado interesadas” e agradeceu en nome da Xunta “a extraordinaria disposición da distribución para deixar de utilizar o leite como produto reclamo”. Matizou, iso si, que no caso das industrias esa boa disposición “non se produciu na mesma medida e implicación”.

“Os consumidores temos que concienciarnos de que temos que pagar polo leite máis ca pola auga e que cando mercamos un litro de leite non estamos pagando só por un produto alimenticio, senón que se debe retribuír tamén a labor das explotacións no coidado do territorio”, afirmou.

A Xunta anuncia unha modificación da Lei de Comunidades de Montes para protexer a superficie agrícola e ampliar con ela a base territorial

Tan só unha pequena parte das explotacións leiteiras galegas fan pastoreo hoxe en día. O incremento no número de cabezas levou aparellado en moitas granxas o abandono destas prácticas e o paso a un sistema de produción máis intensivo e co gando estabulado.

Reverter ese camiño, apostando de novo pola extensificación e o pastoreo, requeriría dunha diminución da cabana gandeira ou ben dun aumento na base territorial das explotacións. Balseiros insistiu en que a Xunta puxo a disposición dos produtores a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia e animou aos gandeiros presentes no acto a aproveitar as ferramentas que esta pon ao seu dispor.

Non podemos estar apagando lumes todos os anos en montes que están sen coidar

Ao mesmo tempo, tamén anunciou que a Consellería vai iniciar a tramitación dunha modificación da Lei de Comunidades de Montes, entre outras cousas, dixo, para protexer a superficie agrícola ou con vocación gandeira, para fomentar que poida ser aproveitada polas explotacións existentes e evitar a aprobación de cambios de uso cara a plantacións forestais por parte dunha maioría de comuneiros sen gando.

“En Galicia temos 3.000 comunidades de montes e só o 10% fai unha xestión adecuada. Vaise iniciar unha modificación da Lei de Comunidades de Montes, entre outras cousas, para evitar que se planten terreos que poderían ser aptos para que as explotacións agrogandeiras poidan aumentar a súa base territorial”, anunciou.

Redución da carga gandeira en sintonía con Europa

Balseiros considerou que a nova marca de leite de pastoreo galego pode ser unha oportunidade para que as pequenas granxas podan ver revalorizado o seu produto e tamén para incentivar un cambio de modelo nas explotacións intensivas. 

 “Nos Países Baixos e noutros países do seu entorno hai xa plans para unha redución nos vindeiros anos do número de cabezas e de explotacións buscando unha menor carga gandeira e poda que iso, impulsado desde a UE, se vaia trasladando tamén ao resto de países”, indicou Balseiros.

O futuro da produción de leite en Europa vai estar en dúas rexións: en Galicia e en Irlanda

Dentro deses plans, dixo, en 6 anos vai haber unha merma moi importante da produción en Holanda. “Aí temos nós unha oportunidade, porque hoxe non sobra leite, nin aquí nin en Europa”, asegurou. “As industrias queren instalarse aquí porque o futuro da produción de leite en Europa vai estar en dúas rexións: en Galicia e en Irlanda”, afirmou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información