A Xunta adxudica 34 lotes de madeira por máis de 2,1 millóns de euros

A madeira vendeuse na última poxa pública electrónica celebrada en Lugo. A maioría dos lotes pertencían a comunidades veciñais en man común e 16 deles contaban con certificación forestal sostible

A Xunta adxudica 34 lotes de madeira por máis de 2,1 millóns de euros

Case a metade dos montes adxudicados contaban con certificacións forestais sostibles. // Foto de arquivo.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, acaba de adxudicar 34 lotes de madeira por case 2,1 millóns de euros na súa terceira poxa pública electrónica, celebrada esta semana na xefatura territorial de Lugo. A práctica totalidade dos lotes pertencían a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería.

En total, alleáronse 39 lotes que sumaban 90.500 metros cúbicos de madeira, principalmente de piñeiro. En concreto, presentáronse ofertas para 34 deles, por parte de 28 empresas do sector. A madeira vendida acadou os 2.104.222 euros, fronte á taxación inicial de 1.889.108 euros.

A maiores, 15 dos lotes contaban con certificación forestal sostible PEFC e un máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así os requisitos dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que optaron aos lotes certificados dispoñen tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira.

As poxas telemáticas

Coma no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente en Ourense e na Coruña, os licitadores puideron realizar todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase, puideron seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña lévase a cabo grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

Os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse a través deste apartado situado no portal web da Consellería do Medio Rural.

“Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica”, apuntan dende a Consellería de Medio Rural. Tamén destacan que a iniciativa se enmarca nun contexto marcado polos novos obxectivos de descarbonización fixados dende Europa, así como o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía, onde será clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información