A Xunta adianta o pago das axudas da PAC a ganderías en zonas con limitacións naturais

Medio Rural destaca que adiantou xa o pago do 100 % das axudas a zonas con limitacións naturais da PAC para áreas distintas de montaña para todo o que resta de período, cun importe aboado en decembro de 25 millóns de euros

conselleira ganderia vacas 2A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que a Xunta adiantou xa o pagamento do 100 % das axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN) da Política Agraria Común (PAC) para áreas distintas de montaña para todo o que resta de período PEPAC (ata 2027).

Salientou que o importe total pagado en decembro pasado aos beneficiarios galegos das zonas con limitacións naturais foi de case 25 millóns de euros. Así o manifestou nunha visita á Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Revolta, situada no concello lucense de Vilalba e que foi beneficiaria destas achegas.

Gómez, que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, remarcou que, como novidade con respecto a outros anos, o seu departamento adiantou xa o mes pasado a axuda asociada a ovino-cabrún e incrementou os pagos de ZLN, “moi superiores aos de anteriores exercicios”. Así, para áreas de montaña aboáronse 10,6 millóns de euros e para áreas distintas de montaña algo máis de 14 millóns de euros, o que supón pagar xa o 100 % destas últimas achegas para o período PEPAC.

As ZLN son áreas clasificadas dentro da PAC onde as explotacións agrarias afrontan desvantaxes naturais, como é o relevo accidentado ou dificultades climáticas. O obxectivo das axudas ligadas a estas zonas é compensar os custos adicionais e as perdas de ingresos e fomentar o uso continuado das terras, contribuíndo á preservación do medio rural e a produción sostible.

Por outra parte, a conselleira avanzou a convocatoria, a próxima semana, da primeira reunión da comisión de traballo específica sobre a PAC no seo do Consello Agrario, tal e como xa se avanzara na reunión deste órgano o pasado mes de novembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información