A Xunta activa o Plan de Prevención de Incendios Forestais deste ano, dotado con 30 millóns de euros, cos que aspira a actuar en máis de 58.000 hectáreas de monte e en 5.000 quilómetros de pistas, aínda que só o fará de xeito directo en 5.000 hectáreas forestais e 2.200 quilómetros de vías, quedando o groso das actuacións para evitar o lume nas mans dos Concellos e as Comunidades de Montes.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves na rolda de prensa tralo Consello da Xunta que este ano preténdense limpar un 22% máis de hectáreas que no plan de prevención do pasado exercicio, ademais de realizar labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga que hai repartidos pola comunidade e construír outros 222 puntos novos.
Realizaranse labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga que hai repartidos pola comunidade e construiranse 222 puntos novos
Máis polo miúdo, Feijóo precisou que a folla de ruta da Consellería do Medio Rural para previr incendios divídese en tres bloques de actuacións: sobre o territorio; sobre a poboación; e actuacións complementarias. Dentro das actuacións sobre o territorio, distinguirase entre os traballos levados a cabo directamente pola Xunta, que se estenderán a máis de 5.500 hectáreas e 2.200 km de pistas (6M€); e os que se sufragan coas subvencións e ao abeiro de convenios do Goberno galego, especialmente con entidades locais, cunha actuación en 52.500 hectáreas e 2.700 km de pistas (23 M€).
Polígonos agroforestais cortalume
No tocante aos convenios que a Administración autonómica asina coas entidades locais, Feijóo lembrou que estes comprenden distintos aspectos. Por unha banda, están os asinados cos concellos para vehículos motobombas, rozas e contratación de brigadas, que inclúen a 258 municipios e 5 mancomunidades; e, por outra, está o convenio coa Fegamp e Seaga para protexer as aldeas, dotado este ano con 7,7M€ de orzamento.
Así mesmo, reforzarase a execución de traballos mecanizados nos concellos adheridos mediante 35 tractores con rozadoira para actuar en 1.500 hectáreas cortalume. Nesta liña Feijóo lembrou que a futura Lei de recuperación da terra agraria inclúe como novidade a creación de polígonos cortalume coa implantación neles de actividade agrícola, gandeira ou forestal.
35 aldeas modelo en trámite
Por último, e en relación ás actuacións complementarias, Feijóo precisou que, dentro deste bloque estarán incluídas: as axudas para accións silvícolas, cun orzamento bianual de 13 millóns; o plan de pastos, “para establecer zonas de pastos pero cunha orientación á prevención de lumes”, cun orzamento de 9,5 M€; e as aldeas modelo, con 35 en trámite.
Despois de lembrar a decisión de crear o Centro Integral para a loita contra o lume en Toén, o presidente da Xunta fixo fincapé o proxecto Interlumes “para dotar ao sur da provincia de Ourense da primeira base aérea transfronteiriza para a loita contra os incendios”, precisando que nesta iniciativa investiranse 9M€ entre a Xunta e outras institucións españolas e lusas.