A Xunta actualizará os estratos de produción de leite, referencia para os prezos nos contratos lácteos

A Xunta traballa na actualización da estratificación dos tramos de produción de leite das explotacións paras adaptalos á realidade actual do sector. Estes tramos clasifican as entregas, o que serve para a referenciación dos prezos nos contratos de leite e facilita o estudo do sector lácteo

observatorio lacteo entregasO director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu hoxe o grupo de traballo convocado no marco do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, no que se abordou a nova estratificación dos tramos de produción das explotacións de leite galegas. Cerviño sinalou que a estratificación empregada ata o de agora databa do ano 2009 e non se adaptaba á realidade do sector produtor, polo que foi necesario proceder á súa actualización. Estes tramos clasifican as entregas de leite, o que serve para a referenciación dos prezos nos contratos de leite e facilita o estudo do sector lácteo.

As organizacións agrarias veñen criticando dende hai tempo o que consideran “abusos” por parte das industrias lácteas ao pagaren ata 11 céntimos menos por litro ás ganderías de menor tamaño en relación ás de maior produción, unha diferenza que segundo Unións Agrarias ou o Sindicato Labrego Galego non se xustifica polos custos de transporte. 

Trátase dun dos primeiros encontros celebrados con posterioridade á entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano colexiado, e que contemplaba a realización desta clase de xuntanzas.

Cabe sinalar que este eido é unha das bases da economía da comunidade. Neste contexto, Galicia está plenamente consolidada como unha potencia, ao producir o 42 % do leite que se produce en España e estar dentro das dez primeiras rexións europeas en produción.

O Observatorio do sector lácteo

O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia é un órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo que, entre as súas funcións e obxectivos, realiza un seguimento continuado do sector e procura mellorar o seu funcionamento.

Debido aos cambios experimentados dende a súa creación no ano 2007 en ámbitos como o da produción, a industria ou o consumo, foi necesario adaptalo a realidade actual a través da aprobación dun decreto específico a finais de 2025.

Neste sentido, modificouse a súa composición para acoller a todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo. Así mesmo, redefiníronse as funcións da presidencia, da secretaría e das vogalías que o conforman (21 en total). Cómpre destacar a incorporación a unha das vogalías da organización de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade. Esta incorporación obedece á necesidade de que no Observatorio figuren representados todos os sectores que traballan directa ou indirectamente no sector lácteo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información