A Xunta actualizará en tempo real os datos das solicitudes de cortas de madeira na comunidade

O Observatorio Forestal amosará a través dunha ferramenta aínda en construción os datos de adxudicación das poxas púbicas de aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Administración autonómica

PROCESADORA_FORESTAL_LOGSET_PIONEER_BOVEDA_3A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería do Medio Rural están a colaborar no Observatorio Forestal, que permitirá no futuro difundir en tempo real os datos de corta de madeira na comunidade, entre outra información de interese para o sector. Mediante este sistema de gráficas dinámicas situado na Oficina Virtual de Medio Rural iranse amosando en tempo real os valores máis representativos das producións forestais que estean almacenados en rexistros administrativos da Xunta.

Trátase dunha ferramenta en construción situada na Oficina Virtual de Medio Rural –accesible na web da Consellería– que, unha vez completada, amosará en tempo real as series históricas dos datos das principais producións e aproveitamentos forestais almacenados en rexistros electrónicos administrativos. Deste xeito, cando un cidadán tramite unha declaración responsable ou solicitude de aproveitamento, a gráfica actualizarase automaticamente incorporando os datos dese trámite.

Esta información gráfica é o primeiro paso do Observatorio Forestal promovido pola Consellería do Medio Rural onde no futuro se irán presentando valores dos volumes de aproveitamento e prezos de adxudicación dos principais produtos forestais en Galicia

Para ter unha idea do volume de información que se xestionará a través desta ferramenta, cómpre lembrar que só no pasado ano 2019 tramitáronse preto de 94.000 solicitudes administrativas. Polo tanto, a tecnoloxía utilizada pola Amtega para agregar os datos de cada unha destas solicitudes ao longo dos últimos 10 anos e amosalos en tempo real requiriu a posta en funcionamento de novas funcionalidades complexas e eficientes.

Datos actualizados en tempo real

Este proxecto tecnolóxico conxunto ten como principal obxectivo comezar a difundir datos en tempo real das producións forestais que son estratéxicas para Galicia, que permitan avaliar ás administracións públicas e ás principais organizacións e asociacións do sector forestal os grandes indicadores de actividade. Pero tamén pretende dirixirse á sociedade galega, á fin de divulgar estes datos e axudar achegando información de interese.

80.000 familias reciben anualmente ingresos procedentes do monte por importe de máis de 300 millóns de euros, que se transforman en 2.300 millóns a través da industria forestal

Así pois, nos vindeiros meses este Observatorio forestal amosará, entre outros, os datos dos prezos de adxudicacións das poxas públicas que celebra a Consellería do Medio Rural nos alleamentos de madeira en montes da súa xestión. Preténdese no futuro ampliar a información a outras producións forestais, coma cogomelos, castañas ou resina.

O forestal é un sector estratéxico no rural galego, xa que actualmente se están a aproveitar 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano, o que lle reporta a máis de 80.000 familias galegas ingresos superiores aos 300 millóns de euros. Estas cortas son o comezo do proceso de transformación deste ecomaterial renovable nunha cadea monte industria que factura preto de 2.300 millóns de euros ao ano en Galicia.

Máis información

O link para acceder á ferramenta, en proceso de construción, que desenvolve a Xunta é o seguinte:
https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/observatorio-forestal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información