A Xunta activa por segundo ano consecutivo o Plan de Control de vendima

Haberá inspectores de campo nas cinco Denominacións de Orixe para comprobar que se cumpre cos pregos de condicións establecidos para a recollida e transporte da uva e evitar deste xeito posibles fraudes

Publicidade
A Xunta activa por segundo ano consecutivo o Plan de Control de vendima

Presentación do plan de control da vendima.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), pon en marcha por segundo ano consecutivo un plan propio de control de vendima nas cinco denominacións de orixe vinícolas de Galicia. Así o trasladou en Pontevedra o conselleiro en funcións, José González, nunha xuntanza de presentación dos principais contidos do plan aos membros do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e na que estivo acompañado polo presidente deste consello, Juan Gil de Araújo; o secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro; e o director técnico, Agustín Lago.

Haberá unha segunda xornada de presentación do plan o vindeiro martes, 8 de setembro, na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) cos membros do resto das denominacións de orixe vinícolas de Galicia (Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei).

O titular de Medio Rural trasladou que para este control na vendima, xa comezada nalgunhas zonas, contarase cun grupo de 15 persoas entre inspectores de campo e técnicos de coordinación, ademais do persoal propio da Agacal, para evitar posibles situacións fraudulentas que se poidan producir e que desvirtúen o sistema xeral de control da calidade diferenciada dos viños galegos con denominación de orixe.

Dito plan, dotado cun orzamento de 180.000 euros, desenvolverá en coordinación cos propios consellos reguladores diversas accións dirixidas a comprobar que se cumpran as normas de vendima, as disposicións do prego de condicións da Denominación de Orixe correspondente, así como o seu regulamento e as distintas instrucións que procedan para o ano 2020. Polo tanto, o plan da Xunta “complementa e apoia os plans de control que teñen todas as denominacións de orixe de viño galegas”.

Controles nas parcelas, nas zonas fronteirizas e nas adegas

José González indicou que os primeiros traballos irán encamiñados a verificar a situación real de produción na totalidade das parcelas correspondentes aos viticultores seleccionados a través dunha mostraxe, de forma aleatoria e dirixida de acordo cunha análise de risco a determinar polos propios consellos reguladores.

Desta forma, asegurou o conselleiro, estimarase a posible colleita de todas as fincas que pertenzan aos viticultores inscritos seleccionados e cotexarase posteriormente coa produción real que se entrega en adega. Ademais, durante a vendima realizaranse diferentes controis, tanto nas adegas coma nos diferentes centros de provisión. Por último, tamén se realizarán controis de transporte terrestre de uva e/ou mosto, nas proximidades das adegas e en zonas fronteirizas.

Boas previsións de cara á vendima

Finalmente, o titular de Medio Rural destacou que as previsións para esta vendima son moi boas, tanto en cantidade como en calidade. Neste senso, sinalou que grazas a esa calidade dos viños galegos, a baixada no consumo por mor do confinamento e o peche da hostalaría a consecuencia do coronavirus foi menor da que nun primeiro momento se estimaba. Deste xeito, reiterou que en Galicia non é preciso destilar viño nin facer podas en verde, tal como propoñía o Goberno central, senón que a Xunta está traballando no impulso da comercialización deste produto con selo de calidade co fin de que as adegas poidan dar saída á súa produción e pagar a uva aos produtores a prezos habituais de mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información