A Consellería do Medio Rural, a través do seu organismo pagador -o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)-, informa de que está procedendo estes días ao pagamento de máis de 15 millóns de euros correspondentes ao saldo das axudas directas da PAC correspondentes á campaña 2021, unha vez recibidos todos os importes unitarios definitivos do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).
Concretamente, a pasada semana pagáronse máis de 5 millóns de euros aos gandeiros polas liñas de vacas nutrices e vacún de leite e recentemente pagáronse máis de 7 millóns correspondentes as liñas de pago básico, pago verde e mozos. Os vindeiros días está previsto aboar outros 3,5 millóns ao vacún de ceba.
Así, o Fogga ten aboado xa preto de 164 millóns de euros a máis de 25.000 agricultores e gandeiros galegos beneficiarios das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes á convocatoria de 2021. No mes de decembro pasado pagáronse 147 millóns de euros correspondentes ao 90% dos importes. Restan por pagar os expedientes con incidencias ou pendentes de presentar algunha documentación que estarán finalizados antes do 30 de xuño de 2022.
A meirande parte das achegas transferidas da campaña 2021 correspóndense co pago básico (preto de 67 millóns de euros), seguidas das axudas para o vacún de leite (máis de 38 millóns) e das relativas ao pagamento verde (34,3 millóns de euros). Tamén destacan as axudas para vacas nutrices (15 millóns), as de vacún de cebo (3,5 millóns) e as destinadas a agricultores mozos e a pequenos agricultores, con 2,5 millóns de euros en cada unha destas liñas.