Xulgan en Lugo a dous gandeiros e un transportista por engadirlle auga ó leite

O ministerio fiscal pide unha pena de 4 anos e o pago dunha multa, en tanto a defensa solicita a libre absolución dos acusados

Xulgan en Lugo a dous gandeiros e un transportista por engadirlle auga ó leite

Os acusados negan os feitos denunciados.

Un transportista e dous gandeiros acusados dun suposto delito de estafa, por poñerse de acordo para engadir auga ao leite que lle vendían a unha fábrica de queixos e derivados lácteos situada no municipio lucense de Abadín, foron xulgados onte na Audiencia Provincial de Lugo e, mentres o ministerio fiscal pide para cada un deles catro anos de prisión, a defensa solicitou a libre absolución dos seus clientes.

O avogado da defensa, José Piroscia, confirmou a súa intención de pedir a libre absolución dos acusados, porque “se vai acreditar que non hai ningunha proba” que verifique que houbo “unha manipulación do leite, introducindo auga”, por parte dos seus clientes.

Nese sentido, precisou que foron achegados por parte da defensa informes tanto de Africor, entidade responsable do programa de Control Leiteiro, como do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) que evidencian que “nas analíticas que se fixeron tanto nas explotacións directamente, como no vehículo no que se transportaba o leite, non había ningún rastro de auga”.

Na súa declaración ante o tribunal, un dos acusados, I.P.C, explicou que traballou para a mesma empresa como transportista durante oito ou nove anos e, durante ese tempo, ninguén lle comentou “nunca” que as mostras de leite que tomaban na propia cisterna do camión viñesen adulteradas.

O fiscal sostén que os acusados incurriron nesta práctica varios meses con evidentes fins económicos

Segundo o relato do fiscal, os feitos que se lle imputan sucederon, concretamente, entre os anos 2010 e 2011, mentres I.P.C traballaba como transportista autónomo para a citada industria láctea e ocupábase de realizar dúas rutas de recollida de leite diferentes en días alternos, unha delas polo municipio de Abadín e a outra polos concellos de Vilalba e Cospeito.

O ministerio público precisou que, no transcurso desas rutas, o transportista recollía o leite producido polas explotacións agropecuarias do seu irmán, M.P.C, e da súa sogra, L.M.C, ambos os dous acusados.
De feito, no seu escrito de acusación, o ministerio fiscal sostén que os tres acusados, “postos de previo e común acordo e obrando con ánimo de ilícito enriquecemento, engadíronlle auga ao leite recollido e transportado”, para “aumentar o seu volume e, en consecuencia, a remuneración obtida pola súa venda”.

O fiscal sostén que esa manobra dos acusados “mantívose no tempo durante varios meses”, ata que a empresa sospeitou que “non” se trataba dun feito accidental ou illado e verificouse o fraude mediante as probas e analíticas oportunas”.

Solicitan unha indemnización de 180.000 euros para a empresa afectada

Non obstante, o transportista insistiu na vista oral en que ninguén da empresa lle dixo “nunca” que houbese problemas co leite transportado, nin tampouco que houbese un suposto desfase entre os litros que figuraban nas follas de ruta e o contido real das cisternas cando entraban en fábrica.

De feito, dixo que tivo constancia desa acusación cando xa deixara a empresa, a pesar de que o camión que el guiaba entraba todos os días en fábrica e era pesado dúas veces, unha ao entrar e outra ao saír -coa cisterna baleira-, para comprobar con exactitude o volume de leite transportado.

Os tres imputados foron acusados dun delito continuado de estafa e o fiscal pide para cada un deles unha pena de catro anos de prisión, mentres que a acusación particular eleva esa petición a 6 anos de cárcere e ó pagamento dunha multa.

Ambas as dúas acusacións esixen tamén o pagamento, en concepto de responsabilidade civil, das perdas ocasionadas á empresa, cifradas en 180.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información