O Consello Regulador da D.O. Monterrei recibiu a visita de 21 xornalistas procedentes de distintos países europeos co obxectivo de coñecer as características e potencial vitivinícola do territorio.
Durante a xornada, puideron coñecer diferentes aspectos, elaboracións e variedades da denominación, así como a súa historia. Os xornalistas tamén participaron no Túnel do Viño onde probaron os brancos e tintos das adegas rexistradas.
Esta iniciativa forma parte do proxecto #ASharedPassion, desenvolto conxuntamente pola Unión Española de Catadores (UEC) e a Organización Interprofesional do Viño de España (OIVE). O seu obxectivo é promover o coñecemento e a visibilidade de España como país produtor de viño entre destacados comunicadores da Unión Europea.
“A participación en accións destas características permitiu achegar ata Monterrei a comunicadores de sete países europeos, que nos trasladaron o seu interese polo traballo das adegas, as elaboracións que teñen no mercado e a calidade do noso produto”, sinala Manuel Vázquez, presidente da entidade.