As Xornadas Técnicas de Seragro volven ao formato presencial os días 10 e 11 de novembro

O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo volverá a acoller as distintas ponencias sobre produción de vacún de leite e benestar animal destinadas a gandeiros e técnicos nunha cita que chega á edición número 19

Seragro2019O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo volverá a acoller no mes de novembro as Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro SCG na súa 19.ª edición. O evento, destinado a gandeiros, técnicos e profesionais do sector, será os días 10 e 11 de novembro e recuperará o seu formato presencial. 

O obxectivo destas xornadas é darlles respostas aos retos de hoxe en día e debater temas da actualidade. Para iso, Seragro SCG está a ultimar o programa, pero xa conta con algúns dos relatores confirmados que estarán repartidos en tres bloques:

As xornadas estarán centradas no benestar animal, debido á preocupación do consumidor polas condicións nas que viven os animais e o seu impacto no medio ambiente

O primeiro centrarase no benestar animal. Debido á preocupación do consumidor polas condicións nas que viven os animais e o seu impacto no medio ambiente e darase a coñecer todo o traballo que se realiza nas ganderías para proporcionarlles benestar ás vacas.

Un experto da Universidade de Kiel, en Alemaña, falará da función intestinal e o inmunometabolismo e analizarase o impacto da produción de leite na pegada de carbono

Para iso, entre os relatores desta primeira parte contarán con María Pardo, de Seragro SCG, quen falará sobre a influencia do benestar nos rendementos en ganderías de leite; Manuel Vidal, de Seragro SCG, que tratará a influencia da dermatite dixital no benestar animal; Miguel Ángel García, de Servet Ledesma (Salamanca), que exporá a valoración de coxeiras segundo o método ROMS, implantado en Europa como indicativo de benestar animal; Martín López, de Seragro SCG, quen abordará a influencia da mamite nos índices reprodutivos; Rogelio Grille, do Centro de Recría Castro, que afondará na busca da eficiencia na fase lactante, e Ignacio R. Ipharraguerre, da Universidade de Kiel (Alemaña), co seu relatorio sobre a relación entre a función intestinal e o inmunometabolismo. Ademais, haberá outra charla sobre o impacto da pegada de carbono na produción de leite.

Aproveitamento dos recursos para abaratar custos

No segundo bloque, falarase sobre a posta en valor para o aproveitamento dos recursos naturais que hai en Galicia. A falta e encarecemento de materias primas nos últimos meses, fai que sexa un tema de sumo interese, xa que “non é entendible que o 30% da superficie de Galicia estea abandonada e, ao mesmo tempo, un dos principais problemas das explotacións gandeiras sexa a falta de terra e ter que comprar forraxe constantemente”, indican desde a organización.

Non é entendible que o 30% da superficie de Galicia estea abandonada e, ao mesmo tempo, un dos principais problemas das explotacións gandeiras sexa a falta de terra

Neste módulo, Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dará a coñecer con profundidade os detalles da Lei da Recuperación de Terra Agraria, que entrou en vigor o 22 de maio de 2021. Tamén se presentarán as distintas iniciativas para cultivar terras abandonadas e organizar parcelas e cultivos, aínda que estean en proceso de execución. Así mesmo, varios expertos farán achegas para enfocar as esixencias da Comisión Europea, para afrontar os retos do sector lácteo galego no futuro e tamén para mellorar a produtividade dos cultivos forraxeiros.

Por último, o terceiro bloque abordará a posta en valor do leite como alimento e mostrará que a súa produción se basea, ineludiblemente, en mellorar día a día o benestar das vacas, o que implica: investigación, investimento, coñecemento e traballo. Para a realización destas sesións, estarán presentes profesionais da saúde, do sector e un influencer, que aínda están sen confirmar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información