O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, coa colaboración doutros cinco GDR e entidades locais organiza a quinta edición de ‘Son de Monte’ co obxectivo de poñer en valor os nosos montes e dar a coñecer diferentes tipos de xestión, cerrando así a primeira etapa dun proxecto de cooperación. Cómpre ter en conta que é unha actividade gratuíta na que pode participar toda a veciñanza; terá lugar os vindeiros 13 e 14 deste mes no Salón de Arcos de Celanova. A súa asistencia require de inscrición a través desta páxina.
Esta edición arranca o xoves 13 de outubro, ás 10:00 horas. Ao longo da mañá presentaranse as guías e vídeos do proxecto ‘Son de Monte’ e o avogado Nemesio Barxa falará sobre o dereito dos montes comunais en man común. Despois do xantar realizarase unha visita a unha parcela de bidueiro e explotación de vacas limiás en extensivo situada en Penamá (Allariz).
Ao día seguinte, falarase durante a mañá de ‘Inspiración Leader dende o monte ourensán” e Jesús de La Fuente, enxeñeiro de montes doutorado pola Universidade Politécnica de Madrid, ofrecerá unha conferencia que leva por título ‘Un monte galego diferente é posible. Posta en valor das súas fortalezas’. Ás 13:00 horas terá lugar o peche das xornadas nun acto ao que asistirán a directora xeral de Desenvolvemento Rural Inés Santé; o alcalde de Celanova Antonio Puga; e o presidente do GDR Limia-Arnoia Gumersindo Lamas. Xa pola tarde, os participantes realizarán unha visita ao Couto Mixto.
Tratase dun proxecto de cooperación posto en marcha no 2021 coordinado polo GDR Limia-Arnoia e no que participan a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, a Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste, o GDR Condado Paradanta e Seitura 22 xunto con outras entidades locais como o Concello de Tomiño, o Concello de As Neves, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a Asociación Galega de Tracción Animal.
Dende o GDR Limia – Arnoia, o grupo encargado de coordinar este proxecto de cooperación, estase a traballar na posta en valor dunha masa de bidueiros situada no monte comunal de Penamá (Allariz) a través dunha guía que persegue buscar o maior aproveitamento da madeira retirada nos traballos silvícolas, deseñar os plans de seguimento e actuación na masa no deseño da multifuncionalidade da parcela do bidueiro, no refuxio das vacas limiás, da fauna salvaxe, e no aniñado de paxaros.