A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar a semana que vén catro cursos sobre xestión técnico económica de distintos tipos de explotacións. Todas as accións desenvolveranse de 10,00 a 14,15 horas no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte.
Así, o luns 10 de outubro terá lugar unha xornada sobre a xestión das granxas de vacún de leite e ese mesmo día, así como o martes 11, abordaranse as peculiaridades das explotacións de gandaría extensiva. Mentres, o xoves 13 trataranse as granxas con necesidade de base territorial e o venres 14 as explotacións de cultivos, fruticultura, vitivinicultura e apicultura.
Analizaranse casos reais e empregarase a aplicación Conta Láctea para calcular os custos de produción das granxas de leite
O obxectivo xeral de todas estas accións formativas é presentar a xestión técnico económica como unha ferramenta para reducir a incerteza na actividade agrogandeira. Deste xeito, definirase o concepto, tratarase a súa utilidade, analizaranse de maneira pormenorizada as fases que comprende e o produto final que se obtén. Tamén se analizarán diversos conceptos que teñen que ver coa xestión como os investimentos, o cálculo das amortizacións técnicas ou os préstamos.
No caso da xornada sobre vacún de leite analizaranse casos reais e empregarase a aplicación Conta Láctea, implementada pola Xunta, para calcular os custos de produción deste tipo de granxas.
As accións formativas poden consultarse no seguinte enlace. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982889106 ou enviar un correo a cesar.crespo.vazquez@xunta.gal.