Xornadas sobre promoción e comercialización da carne e de castañas en ecolóxico

Xornadas sobre promoción e comercialización da carne e de castañas en ecolóxico

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia  impartirá os vindeiros luns e martes dúas xornadas online a través da súa canle de Youtube sobre promoción e comercialización da carne e das producións silvícolas (castañas, mel…) en ecolóxico . Centrarase nestas dúas producións para dar a coñecer ao consumidor final e tamén aos profesionais as características concretas delas, pero para poder confrontar modelos de fóra de Galicia.

A cita será dinámica, falará cada relator convidado individualmente un a continuación do outro, deixando os últimos 10 minutos para preguntas dos espectadores.

Promovida polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia os seis convidados abranguen tódolos aspectos de interese: lexislación europea, consultoría agroalimentaria, distribución e experiencias de traballo en cooperativas e empresas.

Estes son os participantes segundo a xornada:

XORNADA 27 DECEMBRO

Diego Canga Fano: Coñecedor das institucións europeas nas que traballa dende principios do anos 90, analizará o Plan de Acción para a Produción Ecolóxica así como a Estratexia da Granxa á Mesa (“Farm to Fork” en inglés) que quere ampliar a superficie dedicada a cultivos ecolóxicos de aquí a 2030, ambos plans da Comisión Europea. É Conselleiro principal da Comisión Europea na Dirección Xeral de Agricultura e Medio Rural.

Jon Garai: Amosará o exemplo da produción e comercialización no seu territorio. Coordina a Asociación Ekoalde Elkartea, agrupación de produtores ecolóxicos de Navarra de todo tipo de produtos. Os seus asociados obteñen un prezo xusto pola venda aos clientes, aos que chegan coa distribución e loxística que se fai dende Noáin.

Isabel Gómez Rodríguez: A xerente de Traloagro S.L. contará a súa experiencia nesta empresa familiar que produce carne de vacún e polo en ecolóxico, e que vende dende a sala de despece e tendasupermercado de Friol, así como dende a Praza de Abastos en Lugo.

XORNADA 28 DE DECEMBRO

Jean Luc Bellat: Falará do funcionamento en Francia do mercado da castaña, escaso en canto a produción pero cunha venda dinámica e de gran volume. Consultor en JLB Consulting no ámbito agroalimentario, especialista no mundo da castaña e xerente en Decorin Sàrl, traballa en diferentes países pero cunha produción da castaña centrada no mercado francés.

Rubén Fernández: É o conselleiro delegado da empresa familiar fonsagradina Casa Castelao S.L. Fundada en 1999 está especializada na produción de porco celta e ecolóxico así como de carnes e derivados como xamón, lacón e chourizos. A firma traballa non só o mercado español senón tamén o estranxeiro. O empresario contará de primeira man a súa experiencia e visión do sector porcino ecolóxico.

Maite Bruzos: A responsable de Calidade en Pazo de Lusío S.L., empresa apícola familiar (Meles Anta) con orixe en Samos, explicará como evolucionou esta firma, cales son as dificultades da produción e como están a vender en diferentes mercado dende Bóveda (Lugo). Alí realizan todo o proceso traballando un mel ecolóxico recollido en diferentes concellos de montaña.

O CRAEGA

Manter a calidade das producións galegas en ecolóxico e garantir que se cumpran os requisitos para levar esta denominación son os eixos principais de acción dun organismo con sede en Monforte de Lemos que comezou cunha ducia de produtores, pasando a aglutinar hoxe máis de 1.300. Malia que as vendas de produtos ecolóxicos repuntaron un 16,8% en 2020 (por valor de 108 millóns), a superficie dedicada a estes cultivos en Galicia baixou ao redor do 7%. As hectáreas quedaron nunhas 32.000 (2.682 hectáreas menos que en 2019). Lugo e Ourense acaparan o 82% da superficie de agricultura ecolóxica. O número de operadores tamén aumentou en 2020 ata os 1.310, o que supón un 11% máis respecto a 2019. Horticultores e gandeiros representan o 83% dos produtores primarios.

Descarga aquí o programa completo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información