Xornadas sobre o sector primario en San Sadurniño

Abordarán temas como o desenvolvemento rural, as novas tecnoloxías, fruticultura, a diversificación da produción e a apicultura. As charlas terán aforo limitado de 25 persoas e haberá que facer unha inscrición previa

Publicidade
Xornadas sobre o sector primario en San Sadurniño
Data inicio: 14/05/2021
Data fin: 16/05/2021
Lugar: Casa da Cultura de San Sadurniño, Aldea Marqués Figueroa, Avenida do Marques de Figueroa, España

O Concello de San Sadurniño (A Coruña) recupera este ano as xornadas técnicas centradas no sector primario, que tivo que aprazar o ano pasado por mor da pandemia. Estas sesións foran programadas como unha alternativa á Feira Rural que acollía habitualmente o municipio e que as limitacións derivadas da Covid-19 obrigaron a suspender.

As xornadas celebraranse os días 14,15 e 16 de maio na Casa da Cultura da vila. Nelas falarase de desenvolvemento rural, de novas tecnoloxías, froiteiras, de diversificación produtiva e de apicultura. Cada unha das charlas terá o aforo limitado a un máximo de 25 persoas. Ademais, cómpre inscribirse previamente a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal. As inscricións son gratuitas e pódese reservar para unha, para dúas ou para as tres sesións previstas, aínda que terán prioridade as persoas empadroadas en San Sadurniño e as socias das entidades que colaboran na organización: a Asociación Galega da Froita Autóctona, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Asociación Casa do Mel.

Programa das xornadas

A primeira das sesións desenvolverase o venres 14 de maio, de 18.30 a 20.30 horas, co título  “LAR, 30 anos a medrar na aldea”. A charla permitirá coñecer a experiencia do Lar do Acivro, unha granxa artesanal nacida ao abeiro da Casa de Familia que a Asociación Fogares Lar ten en marcha en Muimenta (Lugo) desde 1989. Alí crían animais -porco celta, galiña de Mós, galiña Piñeira, etc.- e tamén manteñen unha pequena horta, como parte da acción socioeducativa que desenvolven como fogar para menores baixo tutela da Xunta. Todo o excedente producido reinvístese no centro, que ademais lle ofrece á rapazada unha visión transversal sobre as posibilidades do medio rural.

Ao día seguinte, o sábado 15 de maio, a actividade será de quenda de mañá e tarde. Dende as 10.00 ata as 12.00 horas, os asistentes descubrirán Arela Comunicación Sostible, unha iniciativa impulsada por catro persoas mozas dun entorno rural que atoparon na tecnoloxía unha oportunidade para non ter que marchar. Traballan en estratexias de comunicación e na adaptación de negocios á era 2.0, ben como xeito de comercialización dos seus produtos ou de posicionalos nun mercado global. O nome da sesión é “Cos pés na terra e traballando na nube” e dela encargarase David Lourido, un dos promotores deste novidoso proxecto empresarial vencellado ao rural.

Á tarde, entre as 16.30 e as 18.30 horas impartirase a charla “A experiencia dos cultivos Miñotos”, a cargo de Juan Ángel Pérez e Antonio Tartaglione, dous dos membros da SAT Vivaz Plant da localidade pontevedresa de Tomiño. Esta sociedade agraria recuperou leiras abandonadas e púxoas a producir mazá, aguacate, fabas ou cáñamo, entre outras plantacións. Nos últimos dez anos o proxecto consolidouse, ampliou o número de persoas socias e é exemplo de éxito no aproveitamento do potencial que ten a zona do Baixo Miño. A clave do seu éxito está sendo a diversificación agraria e a atención aos mercados de proximidade. “Esta filosofía tería encaixe tamén na zona de San Sadurniño, traballando por exemplo a horta ou a froita. De feito, o obxectivo desta charla é facerlle ver esa posibilidade á mocidade ou ás persoas que teñan terras abandonadas e queiran poñelas a producir”, apuntan dende a organización das xornadas.

Esta fin de semana de aposta polo sector primario rematará o domingo 16 de maio coa charla “Sanidade apícola en explotacións profesionais”, que se desenvolverá das 10.00 ás 12.00 horas impartida por Carlos Marín Barcáiztegui, veterinario especializado en apicultura. O experto afondará sobre o problema da varroase mencionando os sistemas de diagnose e os puntos críticos do seu tratamento. Alén disto, tamén comentará as principais enfermidades da cría das abellas, así como as estratexias para previlas. Na segunda parte do seu relatorio, aproximadamente ás 11.00 horas, abordará os aspectos máis salientables que cómpre ter en conta na xestión dunha explotación profesional ou que pretenda avanzar cara a esa profesionalización.

As charlas están suxeitas ás restricións que poidan derivarse da evolución da pandemia e o Concello mesmo tamén podería suspender a súa celebración por este motivo.

 

sector-primarioSan Sadurnino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información