Galicia acollerá esta semana a visita dunha delegación catalá integrada por representantes de Grupos de Desenvolvemento Rural e responsables da Administración autonómica vinculados ao sector agrario baixo o proxecto Nó Rural. O obxectivo é coñecer de primeira man iniciativas que se están a desenvolver no territorio de Cataluña e Galicia para favorecer o relevo xeracional, facilitar o acceso á terra e impulsar a continuidade das explotacións agrarias.
O encontro, que terá lugar entre os días 4 e 5 de xuño nos concellos de Allariz e Sandiás, converterase nun espazo de intercambio de experiencias arredor dun dos principais retos do medio rural: garantir a incorporación de novas xeracións á actividade agraria e crear as condicións necesarias para fixar poboación e actividade económica no territorio.
A iniciativa enmárcase no proxecto de cooperación Leader Nó Rural, promovido polos GDR Limia-Arnoia, Terra Chá, Galicia Suroeste Eu Rural, Montes e Vales Orientais e Mariñas-Betanzos, baixo a coordinación de Seitura 22. O proxecto nace coa finalidade de impulsar solucións innovadoras que faciliten o relevo xeracional no agro, favorecendo a mobilización de terras, explotacións e vivendas, así como o acompañamento ás persoas que desexan incorporarse á actividade agraria ou emprender no medio rural.
Durante os tres días combinaranse sesións técnicas, presentacións de proxectos e visitas sobre o terreo. Ademais de coñecer experiencias desenvolvidas en Galicia e Cataluña, as xornadas darán voz a mozos e mozas incorporados recentemente ao sector, que compartirán en primeira persoa os retos e oportunidades que atoparon no proceso.
O programa tamén permitirá afondar en diferentes políticas e ferramentas de apoio ao relevo agrario impulsadas por administracións, entidades do ámbito rural e organizacións profesionais. O obxectivo final é identificar boas prácticas, fortalecer a colaboración entre territorios e avanzar na procura de respostas compartidas a un desafío clave para o futuro do agro e do rural.
Programa


Galego









Control OJD