A Fundación Arume presentará en Galiforest (Sergude, Boqueixón) un balance das súas principais liñas de traballo en dúas xornadas, o xoves 30 de xuño e o venres 1 de xullo. O xoves está prevista unha xornada sobre planta forestal mellorada, entre 11 e 13 horas; en tanto o venres, entre 11 e 14 horas, analizaranse os retos e oportunidades de ‘Pino de Galicia’, a marca de madeira impulsada pola Fundación Arume. Ambas xornadas contan coa cofinanciación da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA.
O programa das xornadas é o seguinte
Planta forestal mellorada
(Xoves 30, 11 – 13 horas. Carpa auditorio da feira)
Mesa redonda con:
– Isabel Álvarez (Braña SCL)
– Enrique Fandiño (xerente de Hifas Foresta)
– Margarita Fraga (directora técnica de Cultigar, Fundación Paideia)
– Francisco Lario (responsable de proxectos MFR Tragsa).
– José Martel (xefe do servizo de Saúde e Vitalidade do Monte. Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal).
– Modera Enrique Martínez Chamorro (director Centro de Investigación Forestal de Lourizán).
Pino de Galicia: retos e oportunidades no contexto actual de mercado
(Venres 1 de xullo, 11 – 14 horas – Carpa auditorio da feira)
11 h. – A marca Pino de Galicia. Presenza actual no mercado (David Lorenzo. Secretario do comité de marca de Pino de Galicia. Profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra).
11.30 h. – Novos usos da madeira cara a unha construción sostible e industrializada (Manuel Guaita. Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director de Pemade).
12 h. – Descanso café.
12.30 h. – Evolución dos prezos das coníferas e perspectivas de futuro (Laura Lozano, directora comercial de Maderas Goiriz).
13 h. – Retos e oportunidades das coníferas no contexto actual de incertidume. (Modera Ana Busto, adxunta á dirección en Serrerías Rodríguez).
Conferencias sobre produtos forestais non madeirables e sobre dixitalización
Galiforest contará tamén con dúas xornadas organizadas pola Axencia Galega da Industria Forestal sobre produtos forestais non madeirables e sobre dixitalización.
A primeira delas, que terá lugar o xoves 30 (16.30 – 19.30 h.) abordará os produtos forestais non madeirables (NTFP) e os servizos ecosistémicos do monte, é dicir, os beneficios que a poboación pode obter dun ecosistema para o seu benestar. Comezará coa verificación de servizos ecosistémicos na Devesa de Rogueira (Lugo), por parte de Manuel Beiro, da Asociación Bioeco2 e representante de Enxeñería Forestal Asefor, para logo expoñer as perspectivas dos sistemas agroforestais en Europa, de man de Mercedes Rois, consultora en bioeconomía forestal, doutora enxeñeira de montes e secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.
A continuación, falarase sobre a explotación de resina na comunidade de montes de Mougás, sendo o encargado Venancio Miniño, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mougás. A análise dos resultados dos ensaios de silvicultura dirixidos á obtención de madeira e cogomelos pechará a xornada, sendo realizado por Javier Pereira-Espinel, enxeñeiro de montes da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O moderador será Roque Rodríguez, catedrático universitario e profesor de silvicultura da área de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.
Dixitalización
A segunda das xornadas será o venres (16.30-19.30 h.) e versará sobre a transición dixital. Nela Julia Armesto, doutora enxeñeira de montes e profesora titular da área de Enxeñería Cartográfica da Universidade de Vigo (UVIGO) dará a coñecer a aplicación práctica e resultados obtidos no uso do dispositivo Lidar Móbil Geoslam. En canto á dixitalización na administración forestal, será exposta por Odón López, xefe de servizo de Xestión Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia.
Así mesmo, abordarase o uso do Lidar aplicado á xestión forestal, de man de Alberto López, da Asociación Bioeco2 e departamento de I+D de Enxeñería Forestal Asefor; e tratarase a incorporación nos inventarios do módulo de elasticidade e densidade básica, por parte de Esther Merlo, directora de Madera Plus Calidad Forestal.
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, encargarase de moderar a xornada.
Pódese consultar neste PDF o programa completo de actividades de Galiforest.