Xornadas sobre manexo da Oficina Virtual de Gandería da Xunta

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), está a celebrar en varios concellos de Galicia un curso sobre os aspectos básicos de manexo da Oficina Virtual de Gandaría (OVGAN) e da sede electrónica. As vindeiras edicións celebraranse o vindeiro mércores 27 de outubro en Lugo e os días 29 e 30 no concello de Friol.

O obxectivo desta acción formativa é ofrecer uns coñecementos básicos do funcionamento e manexo desta oficina virtual, centrándose na aprendizaxe da xestión de trámites habituais e necesarios no sector gandeiro. Así, durante a xornada abórdanse aspectos como solicitar guías por internet, levar o libro electrónico da explotación, dar altas e baixas de animais, solicitar duplicados de crotais ou do documento de identificación bovina, autorizar un remolque ou ter ATES, un sistema de codificación unificado para o rexistro de transportistas de animais vivos. Tamén se trata o pagamento de taxas dende o ordenador, a descarga da carta de saneamento e outros documentos de interese para os gandeiros.

A acción formativa consta dun total de cinco horas lectivas que se desenvolven en horario de 15:30 a 20:30 horas, co fin de facilitar a asistencia das persoas destinatarias desta acción formativa. No programa destaca a parte práctica posto que se destinará a maior carga lectiva ao manexo práctico da Oficina Virtual de Gandaría e da Sede electrónica.

Este curso tamén se celebrará proximamente nos concellos de Curtis e Melide, na provincia da Coruña; e nos de Sarria, Castroverde, Monforte de Lemos, Becerreá, Chantada e A Fonsagrada, na provincia de Lugo.

Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e remitila cuberta ao enderezo electrónico  oac.svo.lugo@xunta.gal. Poden obter máis información no teléfono 636 978 586.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información