Xornadas por un Monte Vivo en Rianxo

O sábado 2 de novembro realizarase a segunda xornada onde se visibilizarán as boas prácticas das comunidades de montes

Xornadas por un Monte Vivo en Rianxo

Fotografía do Barbanza. / Imaxe de arquivo.

A primeira Xornada por un Monte Vivo, evento organizado polas entidades socias do proxecto no Campo Maneiro, tivo lugar o último domingo de outubro en Taragoña (Rianxo). Esta comezou cunhas sesións formativas e divulgativas sobre a sustentabilidade do monte e os diferentes usos e aproveitamentos que este pode ter.

Entre os momentos destacados, a comunidade de montes de Baroña presentou unha demostración co seu serradoiro portátil e amosou a técnica de resinado de piñeiro, fundamental para un aproveitamento eficiente da madeira. A xornada pechouse cunha ruta guiada polos traballos silvícolas realizados nos montes da Plataforma.

Realización da segunda xornada

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca a segunda xornada para o sábado 2 de novembro en Leiro. A inscrición previa é obrigatoria e pódese realizar a través do correo info@barbanzaecosocial.org. A xornada contará con actividades gratuítas e abertas a toda a cidadanía.

As actividades da mañá terán lugar na explanada detrás da Casa Reitoral de Leiro. Tamén se realizará unha visita á plantación experimental de castiñeiros do CIF Lourizán. E pola tarde, as charlas e debates trasladaranse ao Centro Cultural Vicente Vidal, onde a xornada rematará cunha sesión de música e festa.

A comida será popular, e ofrecerase unha degustación de produtos locais do monte, como carne de poldro da comunidade de montes de Baroña e carne de cabrito das comunidades da Plataforma pola Defensa do Monte.

Programa da segunda Xornada por un Monte Vivo:

xornada rianxo

Tras ser seleccionado na convocatoria de bioeconomía forestal, o Laboratorio recibiu case 2 millóns de euros de fondos europeos destinados a fomentar a bioeconomía forestal, xerar emprego, conservar a biodiversidade e previr incendios nos montes de Rianxo.

Obxectivos e entidades colaboradoras

Con esta xornada búscase dar continuidade ás aprendizaxes do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, ademais de mostrar ás administracións a existencia deste proxecto e a vontade das comunidades de montes de Rianxo por seguir traballando nun proxecto común.

Outro dos obxectivos é informar á cidadanía sobre a importancia da xestión activa e custodia do territorio; Visibilizar boas prácticas das comunidades de montes locais; Implicar á cidadanía na xestión do territorio, en especial ás novas xeracións, e inspirar a outras comunidades de montes a traballar na sustentabilidade e aproveitamento do territorio.

As entidades socias do proxecto son a Fundación RIA, a Plataforma pola Defensa do Monte, a USC e UXAFORES, a Universidad Pablo Olavide de Sevilla, a Fundación Montescola e o Concello de Rianxo. Tamén colaboran as CMVMC de Baroña; Leiro; O Fieitoso de Taragoña; Araño; Paradela; Isorna; Campelo, Vilar e Cerqueiras.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información