Xornadas formativas sobre a poda no Barco de Valdeorras e en Verín

Publicidade
Xornadas formativas sobre a poda no Barco de Valdeorras e en Verín

En ámbolos dous cursos tratarase a poda dos castiñeiros.

Os concellos ourensáns de O Barco de Valdeorras e Verín acollerán a partir da vindeira semana sendos cursos de poda organizados pola Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). En ambos cursos tratarán cuestións claves para a xestión e poda de castiñeiros, aínda que no caso da formación do Barco tamén se abordarán outras plantacións como a oliveira ou os viñedos.

En concreto, a acción do Barco de Valdeorras comezará o luns 15 e prolongarase ata o 25 de novembro. A formación terá lugar na Casa Grande de Viloira, ao longo de oito xornadas cun total de 30 horas lectivas. O persoal da Oficina Agraria Comarcal da localidade encargarase de impartir a formación na que se proporcionará ós asistentes nocións xerais da poda do viñedo, da oliveira e do castiñeiro, así como do solo. O curso tamén inclúe prácticas de poda en campo.

No caso de Verín, falarase de labores culturais no souto e da poda do castiñeiro. O curso celebrarase o martes 16 e o mércores 17 cun total de oito horas. Terá lugar no Centro de desenvolvemento cooperativo de Pazos, en horario de tarde. Esta acción será impartida pola Oficina Agraria Comarcal da Gudiña, que busca transmitir coñecementos sobre un bo manexo do souto, dende os traballos previos á plantación ao seu mantemento ao longo de todo o ano, incluídas as técnicas de poda, das que tamén haberá prácticas demostrativas.

Estas iniciativas están dirixidas en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial a xente nova do rural galego. As persoas interesadas poderán anotarse nelas cubrindo as solicitudes dispoñibles no apartado de formación da web de Medio Rural. No caso do Barco, a inscrición deberán remitila cuberta ao enderezo electrónico oac.seca.obarco@xunta.gal e poderán consultar calquera dúbida chamando ao teléfono 988 788 944. No que se refire á acción de Verín, o correo de referencia é o oac.seca.agudina@xunta.es e o teléfono o 988 788 816.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información