A Axencia Galega de Calidade Alimentaria prevé celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos ata tres accións de formación profesional e adquisición de competencias sobre o funcionamento das instalacións térmicas renovables, e a súa adaptabilidade ao sector agrario. Os obradoiros impartiranse os días 5, 8 e 9 de setembro, desde as 10:00 ata as 14.15 horas.
Os contidos que se abordarán nos cursos inclúen nocións relativas ao funcionamento e mantemento tanto da enerxía solar coma da biomasa. Tras isto, abordaranse a aerotermia e xeotermia das bombas de calor antes de finalizar a acción formativa cunha serie de cálculos básicos que se fan a diario nas instalacións.
Estas iniciativas están dirixidas á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e da cadea forestal-madeira. Deste xeito, con estas accións formativas, enmarcadas dentro do Plan de formación continua 2022, a Consellería pretende achegar información sobre os elementos e funcionamento básico destas enerxías para que sexa o propio alumnado quen valore a súa capacidade de adaptación.
Nesta páxina poden atoparse outros cursos, e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, está operativo o teléfono 982 889 103, ou pode enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.