Xornadas en Ponteareas e Xeve sobre agrupacións forestais de xestión conxunta

A primeira das actividades desenvolverase no Centro Cultural Xinzo este xoves 23. O venres 31 terá lugar outra xornada similar en Xeve (Pontevedra)

Xornadas en Ponteareas e Xeve sobre agrupacións forestais  de xestión conxunta

As agrupacións permiten unha xestión conxunta e unha mellor ordenación do monte. / Arquivo.

A Asociación Forestal de Galicia organiza dúas xornadas de formación sobre agrupacións forestais de xestión conxunta, dirixidas a persoas propietarias e xestoras de montes, traballadores do sector forestal e público interesado en xeral.

O primeiro dos cursos desenvolverase este xoves 23 de outubro en Ponteares, no Centro Cultural Xinzo, ás 19 horas. O segundo programouse en Pontevedra para o venres 31, no Centro Cultural de Santa María de Xeve, tamén ás 19 horas.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse de balde chamando aos teléfonos 981 564 011 ou 618 752 214.

O obxectivo das xornadas de formación é o de transmitirlle ás persoas propietarias as características, requisitos e vantaxes que presenta a figura de agrupación forestal de xestión conxunta. Trátase dunha ferramenta xurídica orientada a contrarrestar o minifundio que caracteriza á propiedade forestal particular en Galicia.

As agrupacións forestais de xestión conxunta, impulsadas polas persoas propietarias dos terreos, permiten establecer perímetros de actuación, nos que se agrupa a xestión do monte, pero se mantén a propiedade orixinal.

Deste xeito, créanse oportunidades en espazos abandonados, favorecendo a produción e comercialización conxunta, a ordenación do monte e a prevención contra incendios forestais. Ao mesmo tempo, as agrupacións supoñen unha oportunidade para a regulación ou corrección catastral nas áreas agrupadas, outra das tarefas pendentes na gran maioría das propiedades forestais galegas.

Estas xornadas están financiadas pola Consellería do Medio Rural, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, con fondos da Unión Europea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información