O Espazo Permacultural Lugar de Reque acolle nesta quincena as xornadas de permacultura e agroecoloxía Rexenera Terra, un programa que reforza o uso divulgativo e demostrativo deste espazo impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo a carón do río Rato, em Lugo.
Con estas xornadas, Reque abre as portas ás persoas interesadas en coñecer polo miúdo a evolución das actuacións realizadas alí nos últimos meses como o sistema agroforestal ou “bosque comestible” que se prantou o pasado mes de marzo con máis dun cento de especies que medran en diferentes estratos.
As persoas asistentes poderán seguir tarefas como a realización de tarefas como a plantación e reposición de especies, o mantemento da espiral de aromáticas con pedra, a limpeza manual de adventicias, o sementado de gramíneas e leguminosas para crear cubertas vivas no chan, ou o manexo de abonos verdes.
Tamén se realizarán actividades arredor da plantación de vimbio que medra na parcela, ofrecendo ás persoas visitantes a posibilidade de identificar especies e coñecer usos e técnicas de poda, recolección e conservación das varas.
As actividades sobre o terreo completaranse con dúas xornadas de conferencias, que se desenvolverán entre Reque e a Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) os días 22 e 23 de novembro coa participación de especialistas en agricultura rexenerativa.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, acompañado pola directora da EPSE Rosa Romero e polo coordinador do Grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Santiago Lamosa, así como pola responsable do Espazo Permacultural Lugar de Reque Francisca López e polo coordinador das xornadas Rubén Escudero, presentaron o programa, dirixido fundamentalmente a persoas interesadas na agricultura e na xardinería rexenerativa.
Efrén Castro explicou que “o Espazo Permacultural é un lugar aberto á cidadanía durante todo o ano, pero as xornadas reforzan o seu carácter divulgativo xa que as persoas que participen nelas poderán coñecer polo míúdo as prácticas de agricultura e xardinería rexenerativa que se aplicaron na recuperación e na revitalización do terreo” e agradeceu “a colaboración da Escola Politécnica Superior de Enxeñería nesta iniciativa, propiciando un achegamento da universidade a este proxecto”
A participación nas actividades é gratuíta. As persoas interesadas deben anotarse nelas no enderezo electrónico lugardereque@deputacionlugo.org, sinalando as actividades concretas do seu interese. O programa completo está dispoñible na web da Deputación de Lugo.
Galego









Control OJD