Xornadas de portas abertas no Centro de Recría para as entidades interesadas na concesión

As xornadas están dirixidas ás entidades interesadas na concesión da xestión do Centro de Recría Gayoso Castro da Deputación de Lugo. As empresas, cooperativas e demais entidades interesadas poden solicitar unha visita ás instalacións do Centro de Recría a través do e-mail contratacion@deputacionlugo.ocom ou no teléfono 982 260 066

Xornadas de portas abertas no Centro de Recría para as entidades interesadas na concesión

Lino Rodríguez, responsable de Medio Rural na Deputación de Lugo, visitando o Centro de Recría

O Goberno da Deputación de Lugo organiza ata o 20 de febreiro unhas xornadas de portas abertas para dar a coñecer e informar sobre o funcionamento das instalacións do Centro de Recría Gayoso Castro, o primeiro público en España, e que custeou en solitario a deputación lucense con máis 10 millóns de euros.

Todas as firmas interesadas poden solicitar unha visita a través do e-mail contratacion@deputacionlugo.com ou no teléfono 982 260 066.

Con esta iniciativa, os posibles licitadores interesados na concesión deste servizo poderán coñecer in situ o centro, que previsiblemente abrirá nesta primavera, unha vez resolto o proceso de concesión de servizos que segue aberto. Serán técnicos provinciais, como veterinarios e peritos agrícolas, os encargados de conducir as xornadas de portas abertas e informar e resolver todas as dúbidas ao respecto do funcionamento do Centro de Recría, así como as relacionadas coa concorrencia ao proceso público de concesión de servizos.

“O Centro de Recría abrirá prevese que abra esta primavera”

As empresas, cooperativas e entidades poden presentar as súas propostas ata o 20 de febreiro. A licitación concederase por un período de 15 anos prorrogables. Pola súa parte, a Deputación de Lugo poñerá a disposición do licitador unhas instalacións valoradas en 15,9 millóns de euros, que inclúen 15 naves -13 delas de nova construción-, unha área de boxes para as crías e unha planta de biogás que subministrará enerxía ao Centro, ademais dos terreos, que suman en total 182 hectáreas.

Para a adxudicación, o Goberno da Deputación terá en conta criterios como o canon anual, a tarifa que se ofrecerá aos usuarios, a participación dos gandeiros e o proxecto de explotación. Dentro deste último, valoraranse factores como o plan de calidade e o número de empregos creados, que terá que ser dun mínimo de 1 xerente e 9 traballadores, entre eles, un veterinario. Todos os detalles sobre os criterios de adxudicación poden consultarse no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, dispoñible no portal do perfil do contratante do Estado.

A Deputación exercerá o control directo do Centro de Recría para facer cumprir todas e cada unha das cláusulas que se recollen nos pregos. Por exemplo, a concesionaria deberá respectar os prezos de recría, que terán que ser máis vantaxosos que os do mercado. No caso de incumprimentos, a institución poderá aplicar sancións e ata rescindir a concesión do servizo.

Obras de 300.000 euros

Actualmente, o Goberno da Deputación ten en marcha o proceso de contratación de melloras nas instalacións, propostas por unha Comisión Técnica, da que forman parte reputados expertos como Francisco Sineiro e Eduardo Yus.

Estas melloras consisten en facer cubertas nos 6 pasillos que hai entre os 200 boxes, onde se afincarán os animais dende que entran no centro, cuns 15 días, e ata, aproximadamente, os 6 meses, cando se trasladan ás 14 naves de recría.

As restantes recomendacións da Comisión Técnica, cuxa execución non é obrigatoria, terán que ser asumidas polo adxudicatario do proceso de concesión de servizos, no caso de decidir levalas a cabo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información