Xornada técnica sobre produción e etiquetado de alimentos artesáns

A formación impartiuse na Coruña e buscaba animar ós produtores a inscribirse baixo a marca de calidade diferenciada

Xornada técnica sobre produción e etiquetado de alimentos artesáns

Instante da formación celebrada este martes na Coruña.

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- celebrou este martes na Coruña unha xornada técnica de divulgación e formación no etiquetado de produtos de artesanía alimentaria, co fin de animar aos operadores deste ámbito a inscribirse baixo esta marca de calidade diferenciada.

A formación levouse a cabo no salón de actos do Edificio Administrativo de Monelos, de 10.00 a 13.00 horas. Ao longo da xornada abordáronse os obxectivos deste selo e as condicións xerais para a produción de alimentos artesáns, ademais da normativa reguladora correspondente, o control e certificación da actividade artesá e a flexibilización das normas de hixiene. Tamén se tratou o propio proceso de inscrición ao selo e o inicio da actividade artesanal.

Ademais, tamén houbo un apartado sobre prácticas innovadoras, así como exemplos de normas técnicas. Neste senso, cabe sinalar que o pasado 4 de marzo foron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) as primeiras 14 normas técnicas que veñen desenvolver o decreto que regula a artesanía alimentaria na nosa comunidade, así como os distintivos que identificarán os produtos artesáns, os produtos artesáns da casa e os produtos artesáns de montaña.

En cada unha destas normas fíxanse, entre outras cuestións, as materias primas autorizadas, os procesos de elaboración permitidos e prohibidos, e o límite máximo de produción artesanal. Tamén se indica como debe ser a presentación e envasado, as especificacións para os produtos artesáns caseiros e os controis de calidade e a sistemática da rastrexabilidade necesaria para proporcionar aos consumidores todas as garantías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información