Xornada sobre as variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia

O evento terá lugar no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo o próximo mércores 8 de setembro e fará un percorrido polos últimos 23 anos de ensaios relacionados coa avaliación destas variedades forraxeiras

Publicidade
Xornada sobre as variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia

Leiras de millo na zona do sur da provincia de Lugo

Data inicio: 08/09/2021
Lugar: Fosado, Órdenes, España

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) non cesa na súa vontade de transmitir coñecemento a agricultores e gandeiros. Desta volta, o departamento dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) promove unha xornada na que divulgar a información recollida durante 23 anos de ensaios sobre as variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia. En concreto, o evento desenvolverase o próximo mércores 8 de setembro no campo de ensaio do lugar de Fosado, no concello coruñés de Ordes. En horario de mañá, contará tanto con intervencións teóricas como con visita de campo.

A xornada organizada pola Agacal arrinca cunha disertación por parte de María José Bande, investigadora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e continuará cunha visita ao campo de ensaio de variedades comerciais de millo forraxeiro. Segundo a informacón faciltada polos organizadores, está previsto que interveñan Fernando Candal, encargado agrario do CIAM, e Rafael Muíños, da Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Ordes.

Campos de ensaio investigados

Os obxectivo destes ensaios son obter información sobre as características produtivas e o valor nutritivo das distintas variedades comerciais de millo forraxeiro que se venden na actualidade ou que teñen perspectivas de introducirse no mercado galego. Os investigadores do CIAM amosarán os resultados obtidos tanto aos técnicos das cooperativas como aos agricultores e gandeiros. Todo co obxectivo de que os profesionais dispoñan dos criterios axeitados para elixir ben a variedade de millo forraxeiro a sementar en cada caso, coa fin última de mellorar a rendibilidade das súas explotacións.

Dende a Agacal recordan que a variedade máis axeitada en cada caso variará en función da zona

O programa está deseñado para a realización de catro campos experimentais ao ano situados nas catro comarcas galegas con maior peso na produción de millo forraxeiro. Abranguendo, así, zonas xeográficas distintas: Sarria (centro sur de Lugo), Deza (nordés de Pontevedra), Ordes (centro da Coruña) e A Mariña Oriental (nordés de Lugo).

Dende a Agacal recordan que a variedade máis axeitada en cada caso variará en función da zona, da data da sementeira, da data da colleita (normalmente ensilado) e das condicións que posúe a explotación en canto a carga gandeira ou superficie dispoñible para cultivos. De feito, pode darse o caso de ter que sementar diferentes variedades idóneas para distintas parcelas dun mesmo gandeiro.

Os resultados dos campos experimentais sementados publícanse anualmente nun díptico que se distribúe a través das oficinas agrarias comarcais, entre cooperativas e entre produtores particulares, ademais de estar dispoñible na web do CIAM. 

Os interesados en asistir a esta xornada técnica poden poñerse en contacto coa súa promotora, coa investigadora María José Bande, no teléfono 881 881 848 ou no enderezo de correo electrónico mariabande@ciam.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información