Xornada sobre o impulso da construción en madeira estrutural

Unha actividade organizada por XERA , Axencia Galega da Industria Forestal, con diversas entidades da Península, incluíu visitas a dúas industrias galegas do sector e a dous edficios que se están construíndo en madeira

Xornada sobre o impulso da construción en madeira estrutural

XERA organizou o segundo workshop do proxecto Eguralt.

O Proxecto Interreg SUDOE EGURALT, que tenta promocionar a construción estrutural en madeira, vén de celebrar o seu segundo taller interregional. Nesta ocasión, os socios encargados de organizar o evento foron a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e Baskegur (co-organizadores), que propuxeron unha xornada nas instalacións de Madeiras Besteiro. O programa conseguiu reunir a máis de 20 persoas provintes de Galicia, Navarra, Castela e León, Portugal e Francia.

A xornada organizouse nas instalacións fabrís como recoñecemento a unha industria que é “referente e innovadora, cun papel importante no impulso a novos materiais e ao uso da madeira na construción”.

O curso contou coa participación dos 8 socios do proxecto e puidéronse diferenciar tres partes ao longo do taller: posta en común e valoración de boas prácticas, discusión do catro grupos de traballo (promoción e políticas públicas, formación, estratexia empresarial do sector e I+D+i) e catro visitas de estudo que incluíron Madeiras Besteiro, Centro Social Lamas de Prado, o edificio público Impulso Verde (Lugo) e Xilonor

Segundo os organizadores, “o taller foi moi prolífico en canto a ideas e temas tratados”. No referido ás boas prácticas, destacaron aquelas relacionadas coa educación, a vivenda social e novas técnicas de construción en madeira. Pola súa banda, no que concirne aos temas de discusión, puxéronse enriba da mesa asuntos de vital importancia para o futuro do sector madeireiro como a necesidade dun cambio de paradigma que afecte verticalmente a todo o sector, desde a educación, a investigación de novos procesos de elaboración e construción até unha nova forma de difusión mediante políticas públicas favorables.

Finalmente, o director de XERA, José Ignacio Lema Piñeiro, foi o encargado de pór o broche final á formación. “A madeira é un material vivo e proxectos como EGURALT son necesarios para un mellor funcionamento do planeta. Se conseguimos mellorar esta industria, melloraremos o mundo”, concluíu Lema.

Visitas de estudo

Paralelamente ao taller, XERA organizou catro visitas de estudo; as propias instalacións de Madeiras Besteiro, o Centro Social Lamas de Prado, Impulso Verde e Xilonor. Unha combinación de lugares de transformación madeireira con outros de construción “moi representativos” do que EGURALT persegue: intercambio de coñecementos, experimentación con novos procesos e produtos e capitalización de coñecementos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información