A Deputación de Lugo organiza este martes 14 de febreiro unha xornada informativa sobre ordenación forestal dirixida ós alcaldes da provincia. O obxectivo principal do acto consiste en abordar a próxima entrada en vigor do decreto da Xunta que prohibiría a plantación de eucaliptos en 29 concellos da provincia.
O encontro busca dar resposta ás inquedanzas dos municipios afectados, xa que o proxecto de decreto en principio divide o territorio galego en dúas zonas: a Galicia Atlántica, na que se permite a plantación do eucalipto, e por outro lado o interior de Lugo e a práctica totalidade da provincia de Ourense, onde se prohíbe o cultivo da especie.
A xornada incluirá unha exposición da situación actual, a cargo do enxeñeiro de montes Manuel Marey, profesor da Escola Politécnica Superior do campus lucense (USC) e contará cunha quenda de intervencións dos alcaldes.
Ó acto está prevista a asistencia do presidente da Deputación, Darío Campos, e xa confirmaron a súa presenza os alcaldes de 27 dos 29 concellos afectados: A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Castroverde, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, O Páramo, Sarria, Samos, Folgoso do Courel, O Incio, Paradela, Taboada, O Saviñao, Bóveda, Pobra do Brollón, Quiroga, Chantada, Carballedo, Pantón, Monforte de Lemos e Ribas de Sil.
A Deputación, por último, lembra que o sector forestal ten unha importancia estratéxica na provincia, pois Lugo xera máis do 30% da madeira producida en Galicia.