O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organiza a xornada ‘Novas alternativas forraxeiras para gando vacún de leite’ co obxectivo de amosar cultivos e mesturas diversas que ofrezan vantaxes en termos de produción e nutrición para estes animais. Impartirase de xeito presencial na granxa Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea, durante o vindeiro martes 8 de novembro de 10.00h a 14.00h. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo de 40 persoas establecido, polo tanto, a súa asistencia require de inscrición.
Entre os contidos do curso abordaranse as diferenzas nos requirimentos edafoclimáticos, fertilización e uso do xurro, manexo e conservación de distintas forraxes de inverno en comparación co raigrás, o cultivo máis habitual en Galicia. Deste xeito, non só se abordarán alternativas, senón tamén se falará de como elixir a mellor opción a empregar e como facer un adecuado manexo e mecanización das forraxes nas granxas de vacún de leite.
Ademais, tratarase o seu potencial dende o punto de vista da nutrición do gando, para lograr dietas máis equilibradas e menos dependentes dos concentrados. Así mesmo, dende un punto de vista agrícola, detallarase como estas especies poden mellorar as producións dos cultivos de verán. O público obxectivo desta acción formativa é toda persoa vinculada ao sector produtivo, e tamén intervirán os docentes Ana Isabel Roca Fernández e Miguel Fernández Labrada, do Grupo de Investigación Agronomía e Ciencia Animal da USC Labrada, e Joel Presa, de Fertiprado.
Programa da xornada:
10:00h-10:15h: Apertura e presentación do curso.
10:15h-11:15h: Emprego de cultivos alternativos de inverno ao raigrás italiano en explotacións gandeiras. Ana Isabel Roca Fernández [Grupo de Investigación Agronomía e Ciencia Animal, EPSE-USC].
11:15h-12:15h: Vantaxes da inclusión de leguminosas nas rotacións. Fertilización e mecanización. Miguel Fernández Labrada. [Grupo de Investigación Agronomía e Ciencia Animal, EPSE-USC].
12:15h-12:45h: Descanso–café.
12:45h-13:45h: Importancia das Forraxes Biodiversas Ricas en Leguminosas (FRBL). Joel Presa [Fertiprado].
13:45h-14:00h: Peche do curso.