O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Guísamo, en Abegondo, acollerá o vindeiro 25 de novembro unha clase maxistral sobre neurobioloxía vexetal e comunicación multiespecie. Esta acción formativa será impartida polo investigador do instituto de bioloxía celular molecular da Universidade de Bonn František Baluška, un profesional moi destacado no seu ámbito.
Esta iniciativa, que se impartirá en horario de mañá, enmárcase no proxecto “Reverdecer: ecofisioloxía vexetal e concienciación para a conservación dos bosques autóctonos”, un programa de divulgación científico-artístico-social que forma parte dun acordo de colaboración entre a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e a Fundación María José Jove. O seu obxectivo é achegar ao público xeral conceptos como a sensibilidade e a intelixencia vexetal, e crear conciencia sobre a importancia dos bosques autóctonos na loita contra o cambio climático.
A clase maxistral impartida por František Baluška é a segunda acción das catro que integra este proxecto. A primeira conferencia tivo lugar no mes de maio e abordou os últimos avances en ecofisioloxía vexetal e na resposta dos vexetais aos estímulos externos en forma de impulsos eléctricos.
A maiores, ao abeiro desta colaboración, está a desenvolverse un laboratorio experimental divulgativo no CFEA de Guísamo. O programa compleméntase cunha actuación con centros educativos que abrangue todo o curso escolar 2025-2026, titulado “Proxecto de mediación e educación nas escolas: A escola que crea bosque”, coordinado polo Centro de Arte Fundación María José Jove.
Galego





Control OJD