Xornada sobre manexo sustentable das granxas de porcino, aves e coellos

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza esta semana no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte unha xornada sobre o manexo sustentable das instalacións dos sectores porcino, avícola e cunícola. Está programada o próximo mércores 29 de setembro, das 10,00 ás 14,00 horas.

O obxectivo da iniciativa é mellorar a capacidade dos asistentes para planificar, organizar, dirixir e controlar os sistemas e procesos produtivos logrando un aforro enerxético e garantindo tanto a competitividade como a conservación do medio ambiente. Así, con material demostrativo e actividades tanto grupais como individuais buscarase que os participantes apliquen os contidos teóricos co fin de mellorar a súa capacidade de resolución de problemas.

Nesa liña, haberá contidos centrados nos tres sectores mencionados. Canto ao porcino, falarase de climatización, de aforro enerxético e de enerxías renovables cun exemplo práctico de cálculo de prazas de maternidade. En relación á avicultura, trataranse os materiais para camas e prácticas de manexo, así como os sistemas de iluminación que permiten aforrar custos. Por último, sobre a cunicultura, abordaranse as vantaxes e inconvenientes dos distintos tipos de bebedoiros ou a distribución de alimento.

Canto aos participantes, a acción está dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e remitila cuberta ao enderezo electrónico maria.lourdes.diaz.fernandez@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982889103

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información