
O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude acolleu este sábado unha xornada técnica de inseminación instrumental de abellas raíñas. O evento realizouse en colaboración coa asociación AMIGA de criadores de abella negra.
O encontro serviu para que os asistentes actualizaran os seus coñecementos nunha disciplina fundamental para garantir a continuidade biolóxica das colmeas e o traballo en mellora xenética dos apicultores.
Un dos obxectivos era o de participar activamente no programa de mellora e selección da abella local galega que actualmente desenvolven varias asociacións apícolas coa axuda da AGACAL baixo o programa denominado PANEGA.
A asociación AMIGA é membro de Iberiensis, a federación española de asociacións de criadores de Apis mellifera iberiensis. O obxectivo máis inmediato desta federación é lograr a inclusión da abella negra autóctona no catálogo oficial de razas de España para poder defender o patrimonio xenético fronte á crecente introdución de razas híbridas alleas ao territorio.
O programa da abella negra galega PANEGA foi concibido para desenvolver a mellora xenética da abella tradicional galega con accións como a posta en marcha dun proxecto de conservación, cría e selección dirixido a obter colonias resilientes capaces de manteren a produtividade no marco das dificultades que actualmente enfrontan.
Un dos labores que se desenvolven ao abeiro do programa é a de realizar avaliacións periódicas para a selección de raíñas con caracteres mellorantes (produción de mel, defensa contra varroa, comportamento hixiénico…) que logo se difunden entre os apicultores que colaboran e se capacitan co proxecto.

Os apicultores/avaliadores realizan probas de rendemento capaces de identificar as colonias cos mellores comportamentos ligados aos xenes
Tamén se busca dispoñer de colonias locais seleccionadas capaces de competir en prestacións coas de razas foráneas e contribuír así a minimizar a perda de patrimonio xenético que supón o tráfico comercial das abellas importadas.
O PANEGA naceu por iniciativa e implicación das principais asociacións apícolas galegas: Asociación Abellas Nais, Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Casa do Mel, Asociación Galega de Apicultura e Asociación Galega MENA.
Para sacar adiante as diferentes iniciativas, formáronse equipos de apicultores/avaliadores que realizan probas de rendemento capaces de identificar as colonias cos mellores comportamentos ligados aos xenes.
Tamén se constitúen equipos de reprodución con criadores que crían raíñas ds colonias sobresaíntes para propiciar que a mellora continúe no tempo. Os membros dos equipos de campo adéstranse nas habilidades necesarias grazas a un plan de capacitación permanente implementado polas asociacións apícolas participantes.
A maiores, unha parte das raíñas seleccionadas destínanse a difundir a mellora entre os apicultores de toda Galicia, o que combina o aumento o da abella autóctona e permite ampliar a obtención de resultados en condicións de campo moi heteroxéneas.
Galego









Control OJD